(Marko Czalic - Montreal)
A LPU segue a reparar erros históricos e velaquí, donas e cabaleiros, para o completo desfrute de vostedes o noso público, o debut de Mané Garrincha. O fútbol debíalle esta segunda volta.
Tamén desfrutaremos dos retornos de Pelé e Di Stéfano e máis doutros que axiña lles habemos pormenorizar na nosa análise de situación cara a metade final da T3.
O vagón da escoura
- Che Marx: "Penso que lle vin chiscar un ollo!", comentaba Lúcio; "Eu creo que mesmo sorriu", exclamaba un angustiado Koller parafraseando aos romanos do Astérix, a súa lectura preferida. Todo isto a conta da chegada da consabida Besta supostamente Dormente á capital do frío do Quebec, para o inicio da 2ª volta, pechada nunha descomunal gaiola que non se ha abrir até o comezo do partido. As perspectivas de Che Marx cambiaron case de súpeto. A chegada do paxariño mantén o nivel de alcoholismo nos vestiarios, pero semella que subiu o do fútbol no campo. Se os babudos logran controlar a ansiedade -especialmente co marcador en contra- e manter a concentración en todo momento, poderiamos estar ante o equipo tanto tempo agardado. I entón todos pensariamos que espertou demasiado pronto. O ex-mineiro comeza o banquete en terra do Shakhtar.
- Ordem e Progresso: É certo que os seus picos de rendemento dan a verdadeira medida deste equipo (quen fai 17 puntos nunha volta é porque é quen de facelos), pero o resto do tempo estivo tan alonxado do seu potencial que non é doado de comprender. Tócalle ir da man de Che Marx tanto no clasificatorio como no económico. Estes dous equipos poden darlle á liga a volta como a un calcetín e deben facelo para minimizar o impacto dunha mala tempada sobre os seus planteis. OeP deberá estar intratable particularmente na casa e a capacidade tena. Bergkamp non está a defraudar en absoluto, ao contrario, e agárdase con interese ao 'pequeno' revulsivo Miccoli. Se os lusificados aprenden que ás veces toca defender, sóbralles poder realizador.
- Swazilandia BP: Que ironía! Os negrantes son un dos equipos máis sólidos do campionato e pechan os partidos mesmo máis do que o P. Clash. Historicamente son o equipo con menos goles por partido (na suma entre a favor e en contra), e mentres a LPU subiu significativamente a súa media goleadora durante a T3, Swazi baixouna aínda máis nos seus partidos. Así que Swazilandia e quen de poñer a calquera equipo a bailar ao seu son e levar o fútbol ao seu terreo. E de perder de xeito case sistemático. Se o monarca é quen de atopar a causa e a declara ilegal, este equipo, vivo aínda na Kopa, pode meterse entre os grandes da noite á mañá. Ante a hipótese de que o que falta e gol, o clube reaxiu rapidamente no mercado invernal asinando a Patrick Kluivert.
O Torpedo
- Torpedo Zagreb (o espazo vai en maiúsculo para que se note a supresión da preposición): O glorioso equipo da nosa fermosa Zagreb incorporou ao Pelé. Con grande dor tivo que asumir que un Torpedo non encaixa nun Torpedo. A chegada do Secretario Xeral encheu de esperanza a serbio e polaco e reafirmou ao noso impredicible clube no seu obxectivo segredo de gañar todos os partidos (Bocazas dixit). Temos que recuperar o lugar entre os grandes; un lugar que sempre mantivemos na Kopa, na que o enfrontamento co todopoderoso G$H apreséntase histórico.
A clase media-alta
Un grupo realmente variado, este.
- Asaltacunas FC: Colocar neste chanzo ao líder do palmarés histórico semella unha broma, mais a clasificación actual manda e o Asaltacunas asinou un comezo pésimo (para ser o Asaltacunas, quero dicir; que, total, só perdeu 2 partidos e contra os 2 primeiros). Porén, un grande é un grande, e os pedofáns reaxiron polas bravas con 3 trunfos seguidos e unha incorporación, a de Di Stéfano, que convirte o seu ataque na Osa Maior. Aínda que o Duque o negue, deberán estar loitando pola LPU3 até o final.
- Pollo FC: Serían os máis irregulares, pero aí están o Torpedo e OeP usurpando a praza. En fin, non será que non o intentan. "O fútbol que mana do carisma", "O poliedro labiríntico", "O Zlatanismo, unha revelación", "Mr. Pig vs. Zlatan, a metafísica do Pollo", "Cristiano Ronaldo, carrileiro zurdo; porque e, por que non?" son só algúns dos numerosos titulares que lle dedicou a prensa especializada -especialmente "Papeles de fútbol cúbico"- a este equipo tan fondamente admirado. E lembren, se non lle da unha embolia, non saquen aos fillos da casa. As súas opcións ao título non serei eu o que as estime. Xa lles deixei bibliografía abondo. Se sirve de referencia, o Pollo está por primeira vez nas semifinais da Kopa. É un aviso. O outro é Elano.
- P. Clash: O único equipo deste terceto que pertence a esta clase por méritos propios. Empatado con G$H na clasificación histórica da LPU, o equipo que mellor pecha os partidos despois de Swazi (pero que, á contra dos negrantes, faino buscando o beneficio propio), cunha bancada que desde a súa fundación sacraliza a Kopa, leva dous anos agardando que un suceso nimio lle faga subir o chanzo preciso para loitar pola liga. Quizais ese suceso foi o gol de Holland na Kopa. Quizais é algo que está por vir. Pero semella claro que se chega o día en que estes minimalistas namorados do fútbol visceral, enorme paradoxo, leven vantaxe, mantela será para eles consustancial, como a respiración ou morrer loitando nos partidos de Kopa. E, para todo isto, Duff é unha enorme axuda. Un xogador que encaixa neste equipo desde antes de chegar.
Os favoritos
- Gloria y Honor: Sempre mellor no económico que no clasificatorio, circunstancias suficientemente criticadas por Sir Nigel obrigáronos a facer unha excelsa primeira volta para recuperar a supremacía rubleira. Agora, invictos e despois dunha vitoria magnífica en Montreal, onde o equipo saiu concentradísimo, o primeiro título está ao alcance. E, xa que está aí e da máis rublos gañalo que perdelo, Sir Nigel non dixo nada en contra de ser campións. Un eterno favorito que por fin da o nivel agardado. Sólido como unha rocha negra, o equipo menos goleado está a 5 goles de acadar os 100 a favor (sería o 3º equipo en logralo). Na Kopa, condenado eternamente a xogar a previa e, até hoxe, a caer en semifinais, deben baterse co Torpedo nun encontro moi agardado para definir o rival de Swazi nos cuartos. Polo diñeiro e o poder, a pola vitoria!
- Shakhtar de Montreal: Semifinalistas da Kopa por 3ª vez e por fin dominadores da LPU, na que están afeitos a ir a remolque, o equipo máis saturado e saturante da WIFA ten por obxectivo principal demostrar que o torneo da regulariedade non é tal e que se pode gañar con total desprezo desta. Xa xogaron todo tipo de partidos, teñen dous dianteiros que van a rachas, son o equipo máis goleador historicamente e este ano, teñen ao máximo goleador histórico e do ano, ao corresponsal mellor e máis prolífico -histórico e do ano- e sempre son os que tragan máis goles na metade alta da táboa. O Shakhtar gañará a LPU se os ventos do caos son favorables. Poden gaña ou perder calquera partido: manexalos co seu estilo de xogo semella complicado.
7 comentarios:
Merda, esquecín comentar a fichaxe de Zoff! Como estás, Marko...
Nem o próprio Marko é ferpecto, em todo caso está comentado na noticia anterior, nom te flageles.
Eu podo adiantar que o Ordem e Progresso nom acudirá à cita desta sexta, mas pode ser que saia um comunicado oficial explicando-o.
No sólo queremos rublos, al final de liga habrá un gra fichaje para celebrar la victoria en Kopa y en Liga.
GROOOOOOOOOOARRRRRRRRRRRR
PIOPIOPIOPIOPIO
GROOOOOOOOARRRRRRRRRRRRRR
ÑAMÑAMÑAMÑAMÑAM
Hostiás. Cocu comeu a Garrincha!
Paréceme éticamente incorrecto que o tal Czalic me ande a roubar declaracións. Que foi, oh, quedaches sen ideas?
Diganos, señor Txe ¿Es cierto que Garricha no ha ido a los últimos entrenamientos porque está haciendo un anuncio para una famosa marca de yogures?
Publicar un comentario