(Marko Czalic - Montreal)
O ecuador da liga coincide paradoxalmente co momento máis frío da tempada. Pero iso só atmosfericamente, xa que sobre os terreos de xogo a cousa arde tanto que queima. Catro equipos están metidos moi seriamente na loita polo liderado. Os demais debecen polo cambio de rumbo que lles permita aínda soñar co título e poñen moitas esperanzas no mini-draft invernal. Por se isto fose pouco, xa cheira a Kopa. E, non menos importante, un bo feixe de clubes deben afrontar crises económicas como nunca se viron na historia da WIFA. Gañar na casa é o obxectivo de todos, mentres a ecuatorial clasificación económica ameaza seriamente a estabilidade de non poucos planteis.
| | CLASIFICACIÓN T3 | | | | | | | | |
| | | X | G | E | P | F | C | P | D |
| 1 | Shakhtar de Montreal | 5 | 5 | 0 | 0 | 21 | 7 | 15 | 14 |
| 2 | Gloria y Honor | 6 | 4 | 2 | 0 | 13 | 2 | 14 | 11 |
| 3 | Asaltacunas FC | 8 | 4 | 2 | 2 | 18 | 14 | 14 | 4 |
| 4 | Partisano Clash | 6 | 4 | 0 | 2 | 10 | 8 | 12 | 2 |
| 5 | Pollo FC | 5 | 2 | 1 | 2 | 11 | 9 | 7 | 2 |
| 6 | Swazilandia BP | 6 | 1 | 2 | 3 | 5 | 8 | 5 | -3 |
| 7 | Torpedo de Zagreb | 5 | 1 | 1 | 3 | 8 | 13 | 4 | -5 |
| 8 | Ordem e Progresso | 6 | 1 | 1 | 4 | 7 | 15 | 4 | -8 |
| 9 | Che Marx | 7 | 0 | 1 | 6 | 2 | 19 | 1 | -17 |
Restan, pois, 10 partidos para que conclúa a primeira volta. Grandes oportunidades para uns e derradeiras para outros. Catro destes partidos fican, polo momento, aprazados sen data. Os restantes son:
X6. Partisano Clash-Torpedo de Zagreb
Unha loita xa clásica. Os anarquistas, regulares e serios sempre, mídense ao glorioso Torpedo, que defende a causa do Pobo 'a monte', mesturando historicamente soberbias actuacións con inmensos batacazos. P. Clash persigue consolidar a súa boa traxectoria coas miras postas no decisivo derby da X9 ante o Shakhtar. O glorioso Torpedo tenta refrendar o seu inicio de remontada cun novo trunfo que lles dea perspectivas de acadar o ecuador con 13 puntos. E superar a decepción de que o Torpedo non encaixe no Torpedo (o que, por outra banda, semella lóxico).
X7. Shakhtar de Montreal-Gloria y Honor
Unha loita xa clásica. Os anarquistas, desordeados e algo azarosos ás veces, buscan manter o pleno de vitorias fronte ao seu maior rival da tempada até a data, o poderoso G&H, tamén invicto, que ven de recuperar con grande orgullo o primeiro posto na C.E. provisional. Só 2 goles encaixados polo criticadísimo Schmaikel, que o fan polo de agora candidato único ao premio Given, e 21 anotados polos negroavermellados son o preludio do, en teoría, partido grande da xornada. O pronóstico é imposible.
X7. Torpedo de Zagreb-Che Marx
Aparentemente envolto nunha crise interna chega a este partido o espectacular e luxoso plantel do Che Marx. Pero a besta durmida por excelencia do fútbol mundial pode escoller calquera día para empezar a desempreguizarse. E xa sabedes que os postres lácteos non son iogures.
X8. Gloria y Honor-Pollo FC
Unha loita xa clásica. O partido máis repetido da historia oficial da WIFA. A tempada do Pollo resúmese así: inenarrable o acontecido, imprevisible o por acontecer, zlatánico todo -este ano en versión cocha. O equipo do presidente chega con fame e necesidade de recuncar na vitoria tras dunha breve crise. Unha vitoria que o devolva á loita pola liga. O rival eliminouno dúas veces na Kopa, pero se hai un equipo ao que non só non lle importan as estatísticas, senón que inda limpa o cu con elas, ese é, evidentemente, o mellor equipo do mundo. Nos corazóns dos siareiros, sempre Pollo.
X9. Shakhtar de Montreal-Partisano Clash
Unha loita xa clásica. O partido máis repetido da historia oficial da WIFA. O derby dos derbys. Como destes equipos xa se falou, aí queda a cousa polo de agora.
Asaltacunas FC: rematada xa a súa primeira volta, acadado o gol 100 histórico (o 2-0 de Weah no 3-3 ante OeP), o campión, tras unha recuperación tan espectacular como necesaria, agarda resultados satisfactorios co seu aprezable botín de 14 puntos.
Swazilandia BP: bo xogo, excelente defensa, pésimos resultados. Os oscuriños teñen na súa man o asalto á elite, que necesariamente debe vir da contundencia da súa dianteira, curiosamente inexistente. Chegar ao ecuador con 11 puntos é inexcusable para estar ao nivel do xogo amosado. A mentalidade gañadora ou, máis ben, trituradora, será a chave.
Ordem e Progresso: cun plantel carismático e poderoso, mestura de xermanos e tulipáns (son miscibles?), os lusificados pagaron a súa longa inactividade vacacional. Tras un inicio moi prometedor, o seu xogo tornouse un chisco disperso e a crise aconómica anda ó axexo. Pero o seu programado staff invernal debe ter efectos espectaculares. É coñecido o enorme potencial de OeP e tamén moi lembrada a súa segunda volta da LPU2.
1 comentario:
que ben, recibim o gol número 100. Sempre com boas novas.
Publicar un comentario