domingo, 27 de xaneiro de 2008

Entrevista a Sir Nigel. Intro.

(Marko Czalic - Montreal)
Da moi interesante sección do noso Xornal "un anaco de historia" saiu hai ben pouco un novo reto para Czalic. A un dos nosos lectores pareceulle divertido tentar arredrar a Marko coa difícil cuestión "conseguiu Pepito a camiseta de Cruyff?". Pero o xornalista posuidor da maior colección de luvas do mundo, recolleu outra, aumentando a dita colección. E non só emprendeu un traballo de investigación senón que, como lle parecía pouco, fixou como meta da reportaxe a primeira entrevista cun dos personaxes chaves da WIFA, un home feito a si mesmo que é, como mínimo, tan entrañable como Shevchenko: o líder de Gloria y Honor, Sir Nigel.
Sir Nigel non adoita conceder entrevistas, disque por non roubar protagonismo aos futbolistas. Mais, tras coñecer a existencia desta reportaxe, accedeu á petición deste Xornalista (por se non se percebe, o 'x' é maiúsculo para evitar os usuais epítetos de Xenial ou maXestuoso, nun novo sinal de humildade por parte e Czalic). Iso si, o Sir puxo como condición que a entrevista fose directamente con Pepito, con Marko de testigo de excepción. Pero procedamos con orde.
Pepito xa vai ao instituto. Pouco queda daquel rapaz inxenuo que chegou aos corazóns dos siareiros de todo o mundo, en particular aos corazóns dos feixistas (tarefa difícil, de certo) con aquela fermosa carta. Atopamos a Pepito nas inmediacións do instituto, malia ser hora de clase. Leva na súa man dereita o que el chama "un experimento de química" que vai consumindo durante a entrevista. Chama a atención velo cunha camisola de cor verde cunha grande estrela vermella no peito. Saúda coa cabeza e déixase convidar a unhas cañas.
MC: Ola, Pepito.
P: Ola, Markito.
MC: (vendo habilmente que a cousa vai estar difícil) Mudaches un pouco, nonsi?
P: Se te refires a que xa non son idiota, hai tempo que non teño 5 anos.
MC: E dime, xa non es de G&H?
P: Non. Gloria y Honor fede. Da noxo. Borreime con oito anos, cando botaron a meu pai dunha das empresas do imperio "Tu amigo Nigel" e quedou no paro.
MC: Pero segues a LPU?
P: Si, aínda. O pringado do vello segue a ser de G&H, malia todo. Iso é o que me da máis carraxe. "Pepito, hai que ser bo. A min botáronme porque os tempos viñan duros. É culpa de OeP e outros equipos que, vivindo do esforzo dos demais, obrigan a reestruturacións mesmo aos empresarios máis nobres". Un discurso lamentable, como ve.
MC: Non cres que teu pai, coa súa experiencia, pode ter algo de razón?
P: Pois non.
MC: E ti que? De que equipo es? Do Shakhtar?
P: Non, meu. Nin Shakhtar nin P. Clash. É moi bonito dicir paridas, pero sen orde é imposible acadar unha nova orde. E ademais non está moi claro que eses equipos sexan de esquerdas. Ser anarquista é moi fácil. Non é máis que unha versión do capitalismo salvaxe.
MC: Entón...?
P: Sigo con moito interese a tres equipos: Che Marx (malia que lle atopo certas ambigüidades na súa faceta empresarial), Torpedo de Zabreb (o meu ídolo é Boniek) e Ordem e Progresso (que gasta un nome excelente e ademais xoga coas regras dos capitalistas coa habilidade suficiente para desquicialos). Se teño que escoller son do Torpedo (orzamento baixo, o máis baixo da liga; grande carisma; grande ideario; xogadores do leste e, sobre todo, Zbigniew "O Roxo" Boniek).
MC: Cóntame, o que realmente interesa aos nosos lectores. Que foi da camiseta de Cruyff?
P: Que camiseta?
MC: Insinúas que non a conseguiche?
P: Moi sagaz. Efectivamente. Polo tempo da miña carta botaron a meu pai, o que fixo que, casualmente, a miña capacidade de aforro se vise fortemente mermada. Chorei moito. Escribín ao clube, achegueime aos hoteis de concentración... Non houbo maneira. Nunca recibín unha resposta. Mellor. Se a tivese agora lembraríame que, unha vez, fun feble. Pero teño a de Boniek. Pedinlla e dixo: "Non, só teño unha e necesítoa para xogar. Pero fanas nesta fábrica. Fun por alí, explicáronme como se facía i eu mesmo a confeccionei. Cando lla fun amosar a Boniek para que a asinase pediuma para xogar ese día, pois a súa ía algo descosida e non quixera meter ao clube en gastos superfluos. Así que ao final eu quedei coa descosida, que eu mesmo arranxei, e Boniek xoga coa que eu lle fixen. É un orgullo enrome.
MC: (saloucando emocionado) Ai, este rapaz sempre me fai chorar... Pepe, estarías disposto a ter un cara a cara con Sir Nigel?
P: Onde queira e cando queira.
Esa mesma tarde dirixímonos a Sir Nigel´s Castle. Somos anunciados e agardamos nun suntuoso recibidor. As condicións inclúen que Marko fique en silencio toda a entrevista. Reproduzo con exactitude o que aconteceu.

Ningún comentario: