(Marko Czalic - Montreal)
Aínda non acabaron de soar os ecos da T4 e os nove equipos membros da LPU, coas súas flamantes incorporacións, preparan xa coidadosamente o próximo inicio da Tempada 5. Unha tempada chamada como ningunha outra a igualar forzas, amarrados os equipos todos a un compromiso expreso de impedir que o novo campión supere a barreira dos 32 puntos. Unha tempada que se agarda de estabilización regulamentaria, logo de moito ir e vir, e na que a bo seguro os equipos han buscar unha volta á seriedade, despois das moreas de goles de todas as cores chovidos de xeito caótico -o equipo máis realizador rematou 7º- na época anterior. Unha tempada que dará a benvida á 3ª competición da WIFA, a Kopa da Liga, Kopa LPU, Kopa Vendetta ou Kopa do Pobo (segundo irreflexiva denominación do Presidente). É hora de prestar ollos ao futuro, de propoñer novos campións, mais convén non esquecer de onde ven cada quen á hora de configurar os aspectos tácticos e mentais. Emporiso, Marko Czalic presenta este histórico informe dos clubes da nosa liga, ordeados segundo a última clasificación da LPU. Coa mente posta na sorte do magnífico Bolelavski -agardamos que o trunfo do P. Clash na K4 sexa o primeiro paso para a súa liberación- acometemos esta faraónica e probablemente polémica, aínda que como decote atinada, análise. O Partisano Clash inaugurou o seu palmarés en títulos. Agaremos que outros o sigan pronto.
| Asaltacunas FC |
Ano de fundación: 2007
Procedencia: Madrid?
Presidente/Dono: Duque de Feria
Adestrador: ?
Alcumes: Asalta; pedofáns
Posición WIFA: 2º, 39 puntos
Palmarés: 2 LPUs, 1 Kopa
Ideoloxía: Indefinida con tendenza ao arribismo
Seareiros: Pedófilos frustrados, Amantes do Xogo Limpo, Españois e Chaqueteiros
Idioma: Castelán
Estilo de xogo: Físico, contragolpe
Táctica característica: 5-3-2
Puntos fortes: Solideza e grande capacidade de definición
Puntos febles: Ultimamente a Kopa, e pouco máis
Mellor posición LPU: 1º, 36 puntos
Peor posición LPU: 4º, 21 puntos
Goles por partido - a prol/en contra/ratio: 2,16/1,47/1,47
Máximo goleador: 3º George Weah, 50
Máximo pasador: 3º George Weah, 21
Mellor AT: 1º George Weah, 92
A Estrela: George Weah (Liberia)
Outros homes chave: Buffon, Humberto, Rijkaard, Maradona
Asaltacunas FC lidera o palmarés da WIFA, ademais de ser o líder histórico da LPU. O seu éxito é motivo de non poucas xenreiras, todas elas plenamente xustificadas. Soamente o 'gioco piano' do Torpedo supera -nos enfrontamentos directos- o pulo destrutor de Asaltacunas, aínda que semella que mesmo esa tendenza se está a revertir ultimamente. A figura de George Weah, mellor atacante total histórico, resulta decisiva en todo o que respecta á finalización, un dos puntos fortes nun equipo moi completo. A súa grande liña de contención, Rijkaard incluido, sen ser a máis impenetrable, posúe a capacidade de recuperar o balón evitando cometer falta o que o conduce a situacións que lle permiten achegarse pronto ao gol. Este equipo optimiza como ningún o seu ratio de goles -quizais dun xeito só comparable ao P. Clash- e ven de bater o récord histórico de puntos por partido nunha LPU. Cando o vento sopra ao seu favor, resulta devastador. En situacións máis axustadas baixa un moi levemente o nivel, abondo para explicar a súa mala traxectoria en Kopa nas 3 últimas tempadas, o único que lle impide liderar tamén a clasificación WIFA.
| Gloria y Honor |
Ano de fundación: 2006
Procedencia: Londres? Nova Iorque? Nottingham?
Presidente/Dono: Sir Nigel
Adestrador: Strangelove, el Negro
Alcumes: G$H; Gloria; os do Sir
Posición WIFA: 4º, 39 puntos
Palmarés: Subcampión da LPU e 3 semifinais de Kopa
Ideoloxía: Poder
Seareiros: O G&H non precisa seareiros, pero moitas persoas o son, xa por ignorancia, xa por pura maldade
Idioma: Español
Estilo de xogo: Físico, Directo
Táctica característica: 4-4-2
Puntos fortes: Defensa
Puntos febles: Só a falta de títulos
Mellor posición LPU: 2º, 29 puntos
Peor posición LPU: 6º, 21 puntos
Goles por partido - a prol/en contra/ratio: 1,84/1,29mín/1,42
Máximo goleador: 2º Eusebio, 62
Máximo pasador: 5º Johan 'Matador' Cruyff, 18
Mellor AT: 2º Eusebio, 90
A Estrela: Jaap Stam (Holanda)
Outros homes chave: Schmeichel, Vieira
A mellor defensa do mundo e un potente ataque mestúranse nun dos eternos favoritos. A impoñente figura de Stam -o xogador que contou historicamente con máis votos para entrar nos OIL- é coñecida e temida de todos so dianteiros da WIFA. Un equipo duro, tanto na recuperación como no remate. Resulta difícil entender por que non alzaron aínda un trofeu de campións; tampouco se entende demasiado ben por que o Sir reacciona con tanta 'benevolencia' a estes 'fracasos'. Aínda que os árbitros tenden a axudárenlles baixo o paraugas protector/ameazador do Sir, máis importante é para eles a aportación de Cruyff e, sobre todo, Eusebio, máximo goleador histórico da LPU e Shevsebio das T1 e 4, en ataque. O equipo co estilo máis parecido a Asaltacunas ten dúas diferenzas fundamentais con este. Por unha banda, defende mellor con menos defensas; pola outra, administra peor o seu ratio de goles e acaba por perder puntos decisivos. As súas dúas últimas tempadas apuntan a posibilidade dun equipo por fin imparable.
| Partisano Clash |
Ano de fundación: 2007
Procedencia: Illas Shetland?
Presidente/Dono: -
Adestrador: Cabarcos
Alcumes: P. Clash; Partisanos
Posición WIFA: 3º, 43 puntos
Palmarés: Subcampión da LPU e 1 Kopa
Ideoloxía: Anarkismo visceral con tendenza a unha orde violenta
Seareiros: Escoceses con dor de cabeza e Punkis do mundo
Idioma: Chairego
Estilo de xogo: Alemán pechado
Táctica característica: 4-4-2
Puntos fortes: Presión, Intensidade
Puntos febles: Inferioridade numérica
Mellor posición LPU: 2º, 31 puntos
Peor posición LPU: 6º, 25 puntos
Goles por partido - a prol/en contra/ratio: 1,73/1,44/1,20
Máximo goleador: 16º Hristo Stoichkov, 22
Máximo pasador: 2º Hristo Stoichkov, 36
Mellor AT: 4º Hristo Stoichkov, 80
A Estrela: Hristo Stoichkov (Bulgaria)
Outros homes chave: Terry, Sammer, Gerrard, Berbatov
O fútbol do P. Clash nace no estómago. Dispostos a derramar sangue propio e alleo en cada partido, os seus xogadores buscan levar ao seu rival á asfixia en todo o campo, lanzados logo polo impresionante poderío ofensivo de Hristo Stoichkov. Cando un equipo baixa a intensidade ante o Clash pode ser literalmente arrasado. Tras varias tempadas de dúbidas decidiron desprenderse do seu mellor goleador, Marco van Basten, que decepcionara parcialmente. A chegada de Dimitar Berbatov trouxo unha impresionante mellora ofensiva e o primeiro título, unha Kopa -acadada ademais ante o eterno rival- coa que o equipo estaba xa obsesionado. Xogadores como Matthias Sammer, Steven Gerrard e o recambio Matt Holland demostran de que está feito P. Clash. Se mantén a súa liña ascendente e logra maior protagonismo de Kaka ou Susaeta, estaremos ante un favorito.
| Pollo FC |
Ano de fundación: 2007
Procedencia: Malmö
Presidente/Dono: O PresidenteAdestrador: O Presidente
Alcumes: Pollos; Suecos
Posición WIFA: 6º, 28 puntos
Palmarés: Cuarto da LPU e Semifinalista de Kopa
Ideoloxía: Carisma, Zlatanismo
Seareiros: Habitantes do Universo
Idioma: Propio
Estilo de xogo: Ofensivo, de toque
Táctica característica: 3-5-2
Puntos fortes: Carisma e Xogo ofensivo
Puntos febles: Definición e Intensidade defensiva
Mellor posición LPU: 4º, 25 puntos
Peor posición LPU: 7º, 19 puntos
Goles por partido - a prol/en contra/ratio: 1,66/1,66/1,00 !!!
Máximo goleador: 4º Zlatan 'Frekle Kid' Ibrahimovic, 48
Máximo pasador: 9º Jan Koller, 13
Mellor AT: 7º Zlatan 'Frekle Kid' Ibrahimovic, 70
A Estrela: Zlatan 'Frekle Kid' Ibrahimovic (Suecia)
Outros homes chave: Davids, Bozsik, Totti, Rooney
Dicir neste espazo todo o que hai que dicir do equipo máis seguido do mundo é tarefa imposible. Habería que dedicarlle a este o informe completo. Coa fichaxe de Jan Koller como a cereixiña que coroará un magnífico conxunto, o Pollo pode marcar a leve diferenza que o separa de meterse entre os máis grandes. O seu extraordinario e versátil xogo ofensivo pérdese en ocasións vítima da xenialidade de Zlatan e noutras na urxencia de decisión do instante decisivo. Un chisco de contundencia engadido pode facer que por fin se despegue da súa bagaxe totalmente á par tras 80 partidos: 133 a prol, 133 en contra. En varias ocasións deron o máximo nivel e todo indica que están máis preto de ir cara arriba que cara abaixo. Pero prognosticar coa cegadora luz do carisma baténdonos nos ollos resluta moi difícil.
| Torpedo Zagreb |
Ano de fundación: 2006
Procedencia: Zagreb
Presidente/Dono: RapajkAdestrador: Zbigniew Boniek
Alcumes: O equipo do Pobo; Muchachos
Posición WIFA: 5º, 31 puntos
Palmarés: 3 veces quinto da LPU e Subcampión de Kopa
Ideoloxía: Comunismo radical ortodoxo
Seareiros: O Pobo, fundamentalmente o de Zagreb
Idioma: Galego
Estilo de xogo: Ofensivo, de toque
Táctica característica: 4-3-3
Puntos fortes: Posesión de balón e Xogo ofensivo
Puntos febles: Contención
Mellor posición LPU: 5º, 25 puntos
Peor posición LPU: 9º, 15 puntos
Goles por partido - a prol/en contra/ratio: 1,82/1,79/1,02
Máximo goleador: 9º Zbigniew -'O Roxo', 'El Polaco'- Boniek, 37
Máximo pasador: 1º Dragan Dzajic, 37
Mellor AT: 5º Dragan Dzajic, 73
A Estrela: Dragan Dzajic (Serbia)
Outros homes chave: Banks, Maldini, van Bommel
Ai, o noso Torpediño... Cando carallo pechará a porta! O equipo do fútbol exquisito, cun inmenso poder realizador, democraticamente (jejeje) repartido entre Boniek, Dzajic e o mercenario de turno; o das posesións eternas de balón, o que pode con Gloria e Asalta, o que é un grande da Kopa... Como pode un equipo así levar concedidos 152 goles!!?? Pero, desde que punto de vista podemos analizar este caos? O apartado de fichaxes foi unha auténtica queima gratuita de recursos nunha zona do campo que nunca foi o problema. Pero así e todo, a retagarda do Torpedo ofrece nomes de garantías (Chivu, Maldini, Thuram, Kaladze e agora Ashley Cole son, máis ben, estrelas). Como é posible, logo, acumular tanta desgraza? O Torpedo ten dúas opcións, a primeira vista. Acurtar os seus ataques para impedir acumulacións e contras perigosas ou xogar igual pero empezar a dar hostias. Como un dos equipos máis limpos ten marxe neste terreo. O noso prognóstico é que seguirá igual por puro vicio. Pero se o tramo máis difícil -e o máis decisivo- do campo son os últimos metros, o noso clube ten a capacidade dun grande e négase a selo.
| Ordem e Progresso |
Ano de fundación: 2007
Procedencia: Xinzo da Limia
Presidente/Dono: Franz BeckenbauerAdestrador: Franz Beckenbauer, Dino Zoff
Alcumes: Ordem; OeP; Arraianos
Posición WIFA: 7º, 23 puntos
Palmarés: Sexto da LPU e Semifinalista de Kopa
Ideoloxía: Comunismo radical heterodoxo
Seareiros: Gremio de bruxas, Reintegracionistas, Comunistas idealistas, Amantes do B
Idioma: Galego posmoderno
Estilo de xogo: Ofensivo, de toque
Táctica característica: 4-3-3
Puntos fortes: Xogo ofensivo
Puntos febles: Regulariedade e Contención
Mellor posición LPU: 6º, 25 puntos
Peor posición LPU: 8º, 17 puntos
Goles por partido - a prol/en contra/ratio: 1,43/2,04/0,70
Máximo goleador: 5º Ruud -'Mr. Square', 'Herr Quadrat', 'Van Gol'- van Nistelrooy, 45
Máximo pasador: 6º Lionel Messi, 18
Mellor AT: 10º Ruud -'Mr. Square', 'Herr Quadrat', 'Van Gol'- van Nistelrooy, 53
A Estrela: Franz Beckenbauer (Alemaña)
Outros homes chave: Cech, Bergkamp
Esta caste de clon esaxerado do Torpedo resulta dos máis complicados de analizar. Versátil, áxil en ataque, con variantes ofensivas e mecanismos automáticos á vez, como o martelo goleador de van Nistelrooy, apaña tal cantidade de goles que non son doados de contabilizar, malia a italianidade da súa defensa e o excelente rendemento de Peter Cech. Capaz de competir de igual a igual cos máis grandes en determinadas fases da competición, o seu problema é tan obvio como inexplicable: desaparece nunha das metades do campionato. A súa lenta pero segura mellora xeralizada debe acelerarse e consolidarse partindo dunha maior agresividade defensiva. A súa querencia por converter os partidos nunha feira debe desaparcer por completo para permitirlle acadar cotas maiores. Na T4 ameazou nas dúas competicións. Na T5 debe golpear.
| Shakhtar de Montreal |
Ano de fundación: 2007
Procedencia: Montreal
Presidente/Dono: NonAdestrador: Vladimir Potemk
Alcumes: Shakhtar; Mineiros
Posición WIFA: 1º, 49 puntos
Palmarés: 1 LPU e 2 Kopas
Ideoloxía: Anarquismo de postal tendente ao caos
Seareiros: O etílico pobo de Montreal, Ursula K. Leguin, Fernán Gómez e outros do estilo
Idioma: Galego
Estilo de xogo: Ofensivo
Táctica característica: 3-5-2
Puntos fortes: Ataque
Puntos febles: Desorde
Mellor posición LPU: 1º, 35 puntos
Peor posición LPU: 7º, 24 puntos
Goles por partido - a prol/en contra/ratio: 2,33máx/1,48/1,58máx
Máximo goleador: 1º Andriy Shevchenko, 72
Máximo pasador: 16º Robert Pires e Ronaldinho, 9
Mellor AT: 3º Andriy Shevchenko, 86
A Estrela: Andriy Shevchenko (Ucraína)
Outros homes chave: Yashin, Lucio, Lampard
Tres veces primeiro, tres segundo e unha terceiro nas 8 competicións WIFA desputadas até a data, o equipo máis goleador -210 tantos- atópase no seu peor momento. Tras dunha tempada convulsa no vestiario e fóra del, os non-canadianos remataron a LPU nunha inesperada 7ª posición e caeron ademais na final de Kopa ante o eterno rival. Recuperado Andriy Shevchenko para a causa, o demoledor ataque do Shakhtar deberá seguir funcionando mentres Potemk pensa en fórmulas, dentro do estilo de múltiples variante tácticas, de refrear o tantas veces atolado xogo dos seus. O éxito do ruso neste aspecto na T3, con papel fundamental para o 'secundario' van der Vaart, deberá ser pretendido por outras vías tras da marcha do holandés. Potemk declarou que os reforzos xogarán un papel esencial na tempada entrante. Deles depende, en grande parte, que o Shakhtar volva entre os grandes ou fique confinado a posicións máis retrasadas.
| Swazilandia BP |
Ano de fundación: 2007
Procedencia: Mbabane
Presidente/Dono: Noin presidente nin dono, Rei: Mswati IIIAdestrador: Feiticeiro, máis ben (Milla? O propio Mswati?)
Alcumes: Negros
Posición WIFA: 9º, 14 puntos
Palmarés: 3 veces oitavo na LPU e 2 veces cuartofinalista da Kopa
Ideoloxía: Racistas monárquicos
Seareiros: Negros en xeral, Brancos masoquistas e Hippies despistados
Idioma: Castelán
Estilo de xogo: Ordeado
Táctica característica: 4-4-2
Puntos fortes: Defensa, Estabilidade
Puntos febles: Control do xogo, Ataque
Mellor posición LPU: 8º, 15 puntos
Peor posición LPU: 10º, 12 puntos
Goles por partido - a prol/en contra/ratio: 1,22/1,78/0,69
Máximo goleador: 20º Roger Milla, 18
Máximo pasador: 16º Roger Milla, 9
Mellor AT: 19º Roger Milla, 36
A Estrela: Roger Milla (Camerún)
Outros homes chave: Julio Cesar, Basturk, Pienaar, Kalusha
Tras desfacérense do seu mellor rematador, Didier Drogba, os africanos confían na contratación de Pele e no pulo do xove Ubembe para suplir ao marfileño; é dicir, ser infravalorados mentres manteñen ao equipo con vida. O equipo do Rei Mswati III, o máis semellante a G&H no apartado xerárquico, ten un pésimo historial pero algúns motivos de optimismo. Á marxe do prometedor rendemento dos mencionados Ubembe e Pele, este equipo está construido desde a base, cunha defensa ordeada e capaz. A partir de aquí sitúanse os seus defectos: unha certa dose de incapacidade para mandar nos partidos, cedendo case sempre a iniciativa a un rival que adoita xogar cómodo nos 2 primeiro tercios de campo; por outra banda, a falta de determinación dos seus ataques, construidos con excesiva elegancia, condearon ao equipo até a data a unha mala media goleadora, co seu negativo reflexo clasificatorio. Tomar o mando do centro do campo e aumentar a mala hostia en ataque deben ser os obxectivos dun equipo ben construido nos cementos.
| Che Marx |
Ano de fundación: 2007
Procedencia: Sierra Maestra
Presidente/Dono: Un complexo entramado de comandancias asume a xerencia deste clubeAdestrador: Josef 'Pepi' Bican
Alcumes: Babudos; A Besta Dormente
Posición WIFA: 10º, 11 puntos
Palmarés: 3 veces noveno na LPU e 3 veces cuartofinalista da Kopa
Ideoloxía: Comunismo empresarial - Comunismo privado
Seareiros: O pobo de Cuba, a Latinoamérica bolivariana, Rapaces con camisetas e José Coronado
Idioma: Depende
Estilo de xogo: Directo, Bandas
Táctica característica: 4-3-3
Puntos fortes: Presión, Contragolpe
Puntos febles: Posesión do balón, Ataque
Mellor posición LPU: 9º, 13 puntos
Peor posición LPU: 10º, 6 puntos
Goles por partido - a prol/en contra/ratio: 0,84mín/2,50máx/0,34mín
Máximo goleador: 16º Josef 'Pepi' Bican, 22
Máximo pasador: 22º Garrincha, 7
Mellor AT: 24º Josef 'Pepi' Bican, 30
A Estrela: Josef 'Pepi' Bican (Austria - Checoslovaquia)
Outros homes chave: Rio Ferdinand, Ernesto, Henry
A grande vantaxe de Che Marx é que só pode mellorar. Iso é a súa tremenda capacidade para xestionar recursos en mingua continua que lle permite obter planteis competitivos cada tempada. A súa aposta por novos valores como Ernesto e Tootega, sen comparanza dentro da WIFA, mantén as súas esperanzas cara o futuro inmediato. Dous aspectos fundamentais no apartado táctico son as grandes eivas do clube: as perdas na saída do balón, que dan grande vantaxe aos rivais e as perdas de concentración en situacións adversas. A posibilidade dunha mellora a curto prazo en Che Marx pasa por corrixir estes aspectos e potenciar as súas virtudes, presión e contragolpe, mentres busca o xeito de se impor sobre o terreo cunha maior visión global de conxunto. Os seus moi talentosos xogadores, algo díscolos, adoitan facer a guerra pola súa conta ignorando un aspecto esencial deste xogo: o traballo en equipo.
12 comentarios:
clap clap, (e aínda non rematei)
Muy bien, menudo trabajo se ha tomado, señor. Mi consejo de administración está dispuesto a pagarle un rublo por un cartel del G&H el doble de grande. Y por un anuncio a toda página en medio de la noticia, dos.
Non teño palabras, bravo Czalic, do melloriño que lin nunca no xornal
Por certo, T5.
Moi bem rapazes, para bens para todos nós.
Que me corrijam os secretários se me engano mas creio que vam 358 jogos de competiçom oficial.
Gracias pola merecida felicitación.
Gracias, Sir,pola súa xenerosa oferta. Lamentablemente non traballo por encargo (por ese prezo).
388, Mr. Hándicap.
exacto, 388 em total.
Yo creo que deberiamos crear la Liga Fantastica Will para la T5... te haces un once inicial, puntos por goles marcados, pases de gol, etc etc
El Duque de feria,presidente oficial y entrenador en la oscuridad del Asaltacunas F.C. (Tomó buena nota de su amigo Berlusconi) felicitan nuevamente a Czalic por su labor.
Ahora en serio, tío, vaya currada. Si señor. chapeau.
A mandar meu.
E que, xa sei que é unha frikada, pero molaba, xa postos, e creo que é bastante sinxelo, saber canta xente de cada país está a xogar na LPU, non?
Así, cando xoguemos Mundial sempre podemos queixarnos coma presidentes dos equipos da LPU de que nos levan aos rapaces, que si van vir lesionados, que si la abuela fuma, jejeje.
Efectivamente Sr. Czalic, moi bo traballo.
E moi bo análise da situación dos diferentes equipos, sobor de todo o de Che Marx, canta razón ten vostede......Seguiremos traballando arreo no tema
Fantástica a redacción do Xornal (e colaboradores) por continuar (e mellorar) a súa iniciativa de actualizar planteis. É Cultura.
Pola miña banda sigo agradecendo os merecidos parabéns e fago notar o meu xenial esquecemento do "Ltd." de Che Marx e o meu non menos fabuloso xesto creativo ao colocar a Franz de presidente nun equipo que foxe de personalismos na toma de decisións.
Publicar un comentario