sábado, 6 de decembro de 2008

Á beira do ecuador

(Marko Czalic - Montreal)

Moito que contar dos últimos partidos xogados nesta T8, que nos deixan a só 4 de chegar ao seu interludio invernal. Para comezar, un inspirado Vialli levou ao Shakhtar a un 0-4 en Sierra Maestra. Despois asistimos ao trunfo de Ordem sobre Tuzaros por 1-0, no que era duelo de colistas neses momentos e no que Cech superou a Pagliuca, a grande clave do resultado. Pero o nivel de ambos foi medrando... Ordem consolidou o seu bo momento de escapada do inferno cunha vitoria sorprendente por 0-1 en Caldback, de grande axuda para os primeiros da clasificación por canto puña freo momentáneo ao campión. Despois, un superlativo Anelka regalou aos Tuzaros un 0-2 nun grande partido no que o Pollo se estrelaba contra os postes e Pagliuca. Despois chegou un intenso derbi en Caldback para definir se serían viscerais ou postaleiros os que se sumaban ao carro de aspirantes. A vitoria era perentoria para ambos. Primeiro marcou Vialli, como resultado do tremendo comezo dos visitantes. O partido equilibrouse e viu pasar os minutos con aceptable xogo e sen novidade. Comezando o segundo tempo, o Clash anotou dous goles -Berbatov, Rui Costa- nun minuto e o partido esvaeu do mesmo xeito incomprensible (2-1). De novo Anelka foi o home dos Tuzaros na outra grande sorpresa da xornada, para derrotar ao Torpedo 2-1 en Rejkyavyk. O Torpedo estase a exceder, na nosa modesta opinión, na súa estratexia de "deixade que se confíen e nós, mentres, imos durmir". E chegou outra das sensacións da noite, o MAG, que venceu ao até entón festivo Ordem por 0-2 e iso malia algunha acción claramente inxusta co tempo xa cumprido que provocou fonda indignación nos visitantes; e logo bateu ao equipo revelación, o Rif, para lle desputar tal título. Os de Monte Alto gañaron 1-0 aproveitando a superioridade numérica concedida ben cedo pola espontaneidade de Sergio Ramos. Ollo para o MAG, que ten que se enfrontar a Clash e Torpedo nos 2 partidos que han pechar a 1ª volta da LPU8 e que semella que o fará, contra prognóstico, en igualdade de condicións cos seus rivais.

Kopa do Pollo

Estremadamente espectacular, a xornada neste sub-torneo. Ordem venceu a Babudos 1-0 sufrindo até o remate balóns malintencionados dos seus rivais que golpearon por dúas veces a madeira e outras tantas partes do corpo de Cech só nos últimos 5 minutos. No outro encontro de 1/16, MAG e Tuzaros igualaron a 0, contando os de Vicky como grande mérito co de resistir o excelente xogo dos ex-negrinos, totalmente crecidos e que, malia todo, conseguiron a vitoria nos penaltis por 4-2. O MAG-Ordem, tamén un bo partido, rematou igualmente en táboas (2-2) ao remontar por 2 veces os arraianos os goles calcados de Albiol, no primeiro pau, tras córner raso de Deisler. De novo os penaltis axudaron ao MAG (5-4), que se plantaba en cuartos. Para enfrontarse ao Gloria, o equipo máis en forma. E o partido non defraudou en absoluto, con alternativas no marcador, golazos e intensidade. Petrov, Bierhoff dúas veces e Milla, deixaban totalmente aberto o segundo tempo. Laudrup sacou o 3-2 do sombreiro de mago -o de Favalli?- cunha grande finta e un formidable chut. Petrov, de novo, tremendamente inspirado, acadou a igualada. E aínda serviu o fenomenal córner que había supor o 4-3 definitivo cun doado testarazo de Falcao. Non tivo tanta sorte o MAG no córner-réplica, de novo por abaixo, que rematou no poste. Gloria-Asaltacunas será a semifinal. A outra rama do cadro deparou dous partidazos tamén. O Shakhtar-Pollo comezou con bo xogo e mediado o primeiro tempo, unha impresionane cabezada de Bozsik supuxo o 0-1. Uns minutos despois chegaría o 0-2 que torcía moito a cousa para os rusistas, pero Mutu conseguiu antes do descanso un grande gol que había resultar moi importante. O Pollo foi caendo no fatalismo ane o dominio do rival e, despois do 2-2, suicidouse lentamente entregando unha e outra vez o balón até que Vialli acertou de novo (3-2).

En semifinais chegou seguramente o partido estrela de todos os grandes partidos da xornada. Un novo derbi anarquista, aínda condicionado polo recente e importante trunfo escocés en liga. O Shakhtar saiu con ganas de vinganza, pero segundo avanzaba o primeiro tempo, foi perdendo o dominio até que este pasou a corresponder claramente aos de Holland. E o primeiro tempo xa estaba por rematar cando, nunha das escasas saídas do Shakhtar, Mutu fixo un bo movemento cara fóra arrastrando aos centrais e cedeu de calcaño para a boa chegada de Park que, con sangue frío, aproveitou a vantaxe para asegurar o gol. Todo mudou tras do descanso, de xeito tremendamente parello a como o fixera en liga, pero con outros desencadenantes. A segunda parte preparábase para ser unha toleada. Vialli tentou enganchar un remate imposible e atropelou a Luisao aos 50 minutos, no que o árbitro interpretou como agresión, deixando ao Shakhtar con 10 e sen o seu goleador. En poucos minutos, e vendo que o Shakhtar se descompón coa inferioridade, o Clash vira o resultado até o 2-1. Stoichkov recolle un rexeitamento e se exhibe sobre a liña de fondo para ceder a Berbatov; pouco máis tarde é novamente Hristo Stoichkov o que centra desde a esquerda e Brian Laudrup anticípase no primeiro pau. Clemente move o banco e entra Owen por Azutkin, co que o Shakhtar logra saír da cova. Owen é un problema até o punto de ser derrubado na frontal por Luisao -cartón vermello para el- e, uns minutos despois, por Carragher -máis lonxe pero cando marchaba so cara a porta. Entón Carragher é expulsado, pero Owen, mancado, debe deixar o sitio a Gilberto Silva ao quedar o Shakhtar sen dianteiros. Arshavin, Park e Rosicky adiantan posicións en torno a Mutu. Moita emoción e griterío e grande acoso do Shakhtar nas últims accións. Un pase elevado gaña as costas da mermada defensa escocesa , Rosicky cabecea frouxo e bombeado; tanto, que despista a Toldo, que sae a por uvas. Pero anticípase Park, o balón sae rexeitado e o coreano marca de xeito inverosímil... mais en fóra de xogo, dubidoso, no momento do testarazo de Rosicky. Gol anulado! Un último disparo de Mutu, tras paciente combinación do Shakhtar, foi desviado cun auténtico paradón por Toldo e a continuación da xogada, curtada 'in extremis' por un defensa cando se preparaba un fusilamento, rematou co partido, enviando ao Clash á final. Que derbi!

Ningún comentario: