(Marko Czalic - Montreal)
Comezou xa a T9, a primeira tempada sen o histórico tetrasubcampión ligueiro, Gloria y Honor. Os do Sir marcharon de vacacións indefinidas deixando baleiro o lado escuro da WIFA. Esta vez o enfado do Sir chegou até o mesmo Eusébio e todo o mundo quedou sen traballo e sen indemnización. Por sorte, a metade destes xogadores xa atoparon acomodo, así que non hai que preocuparse polos seus ingresos. Velaí os Yashin e Zanetti (Asalta); Carew e Friedrich (Rif); M. Petrov e Myhre (Pollo); Milla (Babudos); Natali (Clash); e Cristian Zapata (Análisis Matemático). Fóra da LPU, de momento, quedaron estrelas da talla de Eusébio, Falcao e Donadoni; monstros do tamaño de Bouba, Yaya Toure e King; bos fondos de armario como Claudio López e Edu; e tamén Lee Young Pyo.
A posta en marcha desta nova tempada promete o descoñecido. A desaparición dun dos equipos máis regulares do campionato ao longo dos anos deixa algo orfa á lóxica e dificulta os prognósticos. Polo de agora, cousas raras, o que resulta estimulante. Para comezar, o MAG; o único equipo que semellaba levar unha progresión alén do circunstancial, lenta pero sólida ao longo das últimas tempadas, parece decidido a fuxir da zona baixa que historicamente lle correspondera. Lidera a LPU con extraordinarios resultados, vendo premiada a súa valente aposta pola canteira. Se consegue manter o ritmo até o ecuador falaremos mesmo dun candidato ao título. O Pollo, pola súa banda, chegou ao fondo e rebotou con virulencia. Á marxe da exuberancia dos seus resultados, semella decidido a retornar á zona alta tras unha tempada para esquecer. Asalta segue na liña dos últimos anos, aínda que é cedo para falar. Polo de agora, non dá o extraordinario rendemento do seu glorioso pasado, pero segue sumando puntos con regulariedade o que, segundo sopre o vento, é doado que remate por convertilo en candidato ao título, como decote. Análisis é... difícil de analizar. Segue ao seu, dubidando entre volver ao máis alto, aos seus inicios, ou seguir convertendo a liga, para si e para o resto, nun carrusel. Polo de agora as sensacións son caóticas, mais non malas. Ben pintan as cousas para os prometedores Tuzaros. Un equipo que sempre dá o nivel e que debe atopar na pegada o impulso para un salto cualitativo. O Rif, malia un inicio algo inestable é, para este cronista, un candidato ao título. Órdago que lanza o grande Czalic. Se co seu feble plantel foi quen de realizar tan extraordinario debut na LPU, agora, con xogadores moi competitivos, o seu teito é incógnito. Nun mesmo saco podemos meter a Babudos e Ordem que seguen, en aparencia, como sempre. Pero as súas derrotas mínimas son cada vez máis mínimas e case nunca se xustifican co visto sobre o campo. Polo de agora, o problema de ambos é o gol, pero co que teñen na dianteira este pronto aparecerá, dun xeito ou outro. Deben esixirse ao máximo para comezar a gañar canto antes, o que lles permitiría analizar as cousas desde outra perspectiva.
E o Torpedo? A liga é longa e igualada; manteñamos a paciencia. A aposta do equipo é moi interesante e cremos que moi pronto ha dar froitos. Claro que o esencial é acertar coa persoa que dea o perfil axeitado para asumir a dirección técnica. Alguén de nivel, vamos.
Así que en espera do debut dos equipos anarquistas, polo de agora a competición ten boa traza. Mención especial para as fichaxes; semella que a maioría dos equipos afinaron moito con isto.
E rematamos esta crónica como rematou a tempada anterior, cun repaso ao campión. Neste caso, home por home.
- NIEMI: Entre ben e moi ben. Conseguiu a mellor media goleadora en contra na historia do Shakhtar, un por partido. Rinde por encima do agardado. Seguirá baixo os xiados paus do Durruti outro ano.
- JÄÄSKELÄINEN: Grande rendemento, como sempre. Un dos mellores porteiros suplentes do mundo. Apetecíalle un clima máis temperado -ser porteiro non quita moito o frío, pero ser porteiro suplente...- e foi intercambiado por Vedran Jerkovic co Torpedo. En Zagreb decidiron prescindir dos seus servicios, así que polo de agora é libre de buscar o clima que queira. Pero seguro que ha voltar á LPU. MALAFEEV: O substituto, chegado dereitiño desde Leningrado. Moito carisma. Ollo con el.
- MALDINI: Baixa na metade dos partidos, a súa marcha era, unha vez máis, segura. Este ano si que se vai. Iso din no clube. Si, este ano si -din-, en serio.
- LÚCIO: Como sempre. Non lle deixan subir nos corners pero, polo resto, como sempre. Igual.
- R. CARVALHO: Moi ben. Seguro, forte, traballador e aceptable co balón nos pés. Dá o nivel. Do máis fiable do equipo.
- IGNASHEVICH: O capitán, un recambio extraordinario. Supliu innumerables veces a Maldini -e outros- e nada ficou no seu debe.
- GRYGERA: Marchou no inverno. Un desastre. Dúas participacións traducidas en perdas de puntos para o equipo coa súa participación directa. Ademais era mala persoa e nunca pagaba no bar.
- TAMAS: A fichaxe do ano. Demostrou o valor dun só rublo cando substituiu a Grygera no ecuador da tempada. Era imprescindible para un equipo que fía tanto aos seus defensas e que sempre ten a algún de baixa. E mesmo cando tivo que actuar de CCD, na esencial vitoria da segunda volta sobre o Gloria co equipo plagado de baixas, deu un rendemento magnífico. Quen o ía dicir. E convida a todos a cear unha vez ao mes.
- HEINRICH: Alemán, todo ben, todo no seu sitio, todo controlado. Calma.
- GILBERTO SILVA: Outro que ía marchar. Pesan os anos. Pero Gilberto é necesario neste equipo. Un suplente de luxo para Heinrich e Park. Non hai nada mellor polo seu prezo no mercado. Aínda ten grande presencia no xogo. E aínda por riba ten a virtude de que os seus poucos goles adoitan ser fundamentais. Un clásico.
- PARK: Menos "numérico" que o ano pasado, o seu rendemento non baixou. A súa participación no xogo é absoluta. Misión: facer todo. Misión cumprida.
- ZYRIANOV: O investigador privado retornou a Leningrado para investigar o "suicidio" de varios parentes seus, o que eleva a cifra de parentes de Zyrianov suicidados a 32. Botaráselle moito en falta. Que regrese! Excelente relación calidade-prezo. Tamén participou, como volante esquerdo, na histórica vitoria sobre o Gloria que abriu a mellor xeira da historia da LPU e tamén o camiño ao título. JERKOVIC: Será o seu substituto. O que se agarda del é que mellore.
- ROSICKY: Importantes e pontuais destellos e boa nota no traballo de facer circular o balón. Así e todo, agárdase un chisco máis de xerarquía por parte do mediapunta. Tras dúas tempadas foi licenciado con nota. Os seus chistes malos foron decisivos na súa marcha. MOSTOVOI: O seu substituto. O rusistómetro estivo a piques de estoupar durante o chequeo médico. Mostovoi atopou un fogar. Veremos se responde ás expectativas. Debe igualar ou mellorar a Rosicky.
- AZUTKIN: A promesa da canteira é xa unha realidade. Asumiu o seu peso dentro do equipo na Kopa, competición na que as súas asistencias levaron ao equipo en volandas á final. Así e todo, aínda non se viu a súa mellor versión.
- HLEB: Si, eh? Pasan catro partidos e un se pregunta que fai Hleb no equipo -se é quen de se lembrar de que está xogando-. Pasan outros tres é ninguén dubida de que a súa participación é por completo imprescindible. Así que o seu alcume, 'Útil', é realmente un promedio. Un día a decisión sobre descartes se tomará durante unha mala xeira de Hleb. E ninguén se decatará de que marchou. Agradeceu a marcha de Zyrianov, que tiña case resolta a misteriosa cadea de homicidios que apuntaban directamente e de xeito obvio a Hleb.
- ARSHAVIN: O suplente 10. Un titular encuberto. E ten carisma por un tubo. Blindado.
- MUTU: A estrela do ataque. Levemente irregular, pero o seu rendemento xeral foi excelente. Unha fonte de fútbol con chispazos xeniais. Os seus dous únicos goles de falta abriron e pecharon a consecución do título.
- VIALLI: Moi ben. Un goleador sen mérito aparente. Marca goles sen balbordo. Logo sumas e son un cento. Hai días que non se lle viu polo partido e na ficha figuraban 2 goles seus. Moi completo, exprime ao máximo as súas boas cualidades físicas para facilitar o xogo dos demais atacantes ou os seus propios e letais remates. Moi castigado polas lesións, pero chave fundamental no título acadado, acaparando un tercio dos goles do equipo.
- OWEN: Contra prognóstico, Owen estivo listo case sempre que fixo falta. Deu outro estilo de dianteiro centro, pero sempre resultou compatible coa súa parella e moi certeiro no remate. Outro suplente de luxo. O Shakhtar ten no banco o segredo do seu rendemento.
.
8 comentarios:
O clube seudo-anarca-de-pastel fai unha boa lembranza dun equipo histórico da LPU. O comentario sobre os xogadores, superfluo, fachendoso e un longo etc. Nada novo dende Montreal. Czalic, coma sempre, fala moito e non aporta nadiña de nada.
Ti cala, oh, cala, que falas de aportar? Pregunta, pregunta, xa verás como a xente non sabe nin quen es. Ademais, se alguén do Partido non está contento e quere que aporte máis, que me poñan no sitio que me corresponde, non sei se me entendes. A ver quen controla máis disto ca min no mundo, ou mesmo en Zagreb.
A ver, por outra banda, so memo: está ben que o superxornalista croata, extraordinario ex-futbolista croata, fabuloso entendido en fútbol con carnet de adestrador (croata) e fan do Torpedo (croata), asingado por un xornal de Zagreb a Montreal a cubrir as informacións sobre un equipo de Montreal faga unha reseña sobre o subcampión inglés, mais non un resumo da tempada do campión mentrealino? Tes un alcume moi ben posto, si señor. Non sei quen será o responsable, pero sabía un rato.
Fachendoso? Se mesmo fala mal de Grygera, hai que ver...
Fóra os xornalistas pro-Torpedo do Xornal do Pobo. Fóra a escoura comunista de Montreal!
Non me veña con iso de que ten carné de adestrador, a ver se iso lle vai dar autoridade para falar de fútbol.
Teña conta, non se arrefríe que tan ó norte debe de xiar moito do noso señor.
Hey Rapajk dame permisos pa hacer articulo, q voy a pegar una intro de la temporada del Analisis
Mándame un mail desde a túa dirección de google e xa te dou de alta.
Iso, iso. Que a chegada de Ousmane N'Doye á LPU non pode ficar inexplicada. Meu deus, o que se chega a culturizar un pertencendo á WIFA. Ou é que a alguén lle soaba o Vaslui?
Publicar un comentario