A WIFA vén de vivir unha tempada brillante. Unha das tempadas máis brillantes da súa longa historia. Unha tempada catártica que lembra en moitas cousas a aquela T6 con menos goles, máis empates, etc., na que o fútbol volvera primar sobre as manadas de búfalos descabezados. Houbo igualdade, houbo drama, houbo xogo e houbo campións: os Tuzaros non esquecerán o ano da súa consagración (1ª LPU e 2ª KP) mentres o Rif logrou a súa segunda Kunka, o torneo máis prestixioso, que tantas veces se resistira a admitir aos de Chaoui no seu Olimpo. Agora, o seu palmarés comeza a tomar grandeza.
Pero ante todo, e como mellor explicación da calidade do período, esta foi unha tempada de grandes perdedores. E iso marca a diferenza entre unha tempada e unha tempada de lenda:
SHAKHTAR DE MONTREAL: Comezamos por eles na súa condición de subcampións da LPU; pero os non canadianos foron os grandes loitadores da tempada, xunto ao MAG e aos propios Tuzaros. O Shakhtar fixo un plantel para xogar ao fútbol, e tentouno. Boa defensa, sólido e extraordinario centro do campo. Sacrificou rublos no ataque e na portería, tradicionais puntos fortes dos equipos. Na LPU, este histórico entre históricos que suma nove LPUs consecutivas sen título tras gañar 3 nas primeiras 8, comezou lastrado por un exceso de empates -que acabou afectando á totalidade de participantes- e contra o ecuador ficaba case sen opcións (2 vitorias, 3 empates, 2 derrotas) tras caer fronte aos potentes Tuzaros e ao grande Rif. Pero chegou un punto de inflexión e iso só é posible nun equipo sempre loitador, malia a súa tendenza ao hedonismo. O Shakhtar vai sempre, teña ou non teña cartas. E, por iso, foi quen de vencer 2-1 ao Torpedo na xornada 8, nun dos espectáculos grandiosos e dramáticos da tempada. No minuto 82, o partidazo, moi marcado polo duelo Beckenbauer-Boniek, marchaba 0-0. Stoichkov abriu a defensa e a conta do partido. No desconto, Boniek cabeceou espectacularmente un córner. Na derradeira xogada, Andrei Arshavin explotou como un dos cracks da tempada, sentou a un rival e axustou un sutil remate. O Shakhtar seguiu gañando, cheo de fe, con sufrimento, con suor, con algún revés. Cara as últimas xornadas, pisaba sobre as pegadas frescas de Tuzaros e MAG. No último instante, chegoulle a opción de acadar o título. Confrontou ao Pollo coa necesidade de gañar. Dominou, chegou, topou unha e outra vez con Maier. Nunha imprecisión, Toninho manexou os tempos con clase e adiantou aos de Malmö. O Shakhtar nunca se entregou. Maier salvou ante Shevchenko e o partido esmorecía. No derradeiro minuto, Zubi saca en curto de porta. O equipo xera unha acción clectiva co balón pegado ao piso e Tamas derruba a Shevchenko cando vai fusilar a Maier. Penalti. Stoichkov tiña que transformar: o Shakhtar sa loitaba unicamente para forzar aos Tuzaros a merecer a súa liga. Panenkazo; gol. Os de Viqui non fallaron. Por quinta vez, o Shakhtar desputaba unha LPU na última xornada. Por 4ª vez, perdeuna. Por primeira vez, non gañou o seu partido. Pero mereceuno, e niso vai todo.
Na Kunka, o seu torneo, os rusistas arrasaron co River. Despois xogaron contra o Pollo, de novo o Pollo. De novo, Maier. Un partido igualado en Montreal concluiu 1-3. Resultado que, na casa, soa a sentenza. Pero o Shakhtar viaxou a Suecia a por todas, malia a epidemia de gastroenterite. Atacou, atacou, atacou. No minuto 45, contragolpe e 1-0. Pero ninguén se rendeu aínda. Nin no minuto 50, nin no 70, nin no 80. Aos 82, Bale centra e Mutu cabecea o empate. Aos 88, Shevchenko reventa a Maier. No 91, Arshavin supera ao seu par. Acada a liña de fondo. Centra. Stankovic, só, en prancha, cabecea axustado, imparable. Fóra. Cinco remates locais. Dazaseis visitantes. Esfúmase a Kunka.
E na Kopa do Pollo, os de Alan Moore superan con suficiencia un difícil grupo e atopan aos Tuzaros nas semifinais. Domina o Shakhtar, contragolpean os victorianos. Tónica completa do partido, que racha no minuto 88 o bando inglés, por mediación do ex-durrutinho Fletcher. O Shakhtar morreu por completo. De pé.
MONTE ALTO GUNNERS: O outro grande perdedor, cun punto romántico. Os críticos falaban, ao comezo da tempada, de que por primeira vez construíra o MAG un plantel para gañar. Case sempre levou vantaxe en partidos xogados, case sempre a aproveitou para seguir primeiro. A historia do equipo teoricamente -na realidade non se pode dicir de quen xa conquistou Kunkas- pequeno: a LPU fíxose moi longa. Pero o MAG loitou até o final, e tivo que ceder por un exceso de empates. Catro nos catro últimos partidos. Pero non foron empates pequenos: os tres últimos, 2-2. O MAG loitou, con Messi, con Kempes. Con Negredo. Caeu sen perder, tivo opcións até o final e cedeu loitando a campo aberto.
Na Kunka, superaron ao Ordem e tamén aos Tuzaros; ambos, finalistas da KP. Na final apareceu o Rif. Pódese dicir con total sinceridade que o MAG loitou o doble. Cun dianteiro humilde, como Negredo, mesmo chegou a tomar dúas veces a dianteira. Condenounos un gol de Pato, heroe tamén, como veremos, na semifinal.
O MAG da T17 será lembrado. Non mereceu rematar sen trofeos. Terán que volvelos loitar o vindeiro ano.
ORDEM E PROGRESSO: Tras caer en infinidade de semifinais, para o outro equipo galego, os arraianos de Xinzo, chegou o grande día. Enfronte, os t17odopoderosos Tuzaros de Reiquiabic. Tras unha Kopa do Pollo excelente -atrás ficaron, nada menos, Torpedo, Rif e Pollo- os italo-beneluxeses chegaron a caer por 2-0. Pero era o seu grande día e pelexaron. E igualaron. E soñaron co seu primeiro título. E, cando o partido se pechaba no medio dunha avalancha túzara, defenderon con todo baixo a liña de gol o seu dereito a desputar a prórroga. Entre uns e outros taponaron co corpo até cinco remates consecutivos; non puideron reprimir o de Hamsik. O Ordem xa é subcampión. O primeiro título está máis cerca.
POLLO FC: De difícil análise a tempada do Pollo. Comunais e sempre con retraso, os presidenciais loitaron por recuperaren o tempo perdido. O resultado, agora mesmo, é unha xeira aberta de 8 partidos invictos. Un gol de penalti de Mellberg no último minuto do derradeiro deles, permitiulles seguir con opcións até a vitoria túzara sobre o Ordem. Con 8 empates, teñen aínda opcións de pechar a competición cunha única derrota.
Na Kopa, o Presidente chegou xusto a tempo para desputar a semifinal roubada. Tras eliminaren, por primeira vez e ían xa moitas, ao maldito Shakhtar. O rival era o campión, o Rif. E na ida, en Chaoui, os locais non quixeron deixar lugar ás dúbidas. Só a sorte impediu unha brecha maior que o exiguo 1-0. Co cacarexo das bancadas, os zlatánicos amarelos emprenderon a remontada e lograron levar o enfrontamento ao tempo extra. Non houbo nada que facer: o Pato botou ao Pollo. Pero os suecos foron para o Rif unha desas pedras que engrandecn o camiño ao título.
TUZAROS DE REIQUIABIC: A tempada dos londinenses foi tan inmensa que mesmo gañaron un espazo entre os perdedores. E non só por caeren, e non só polo xeito: seguramente foron o equipo que en toda a historia mellor loitou polo primeiro triplete. Despois de moito tempo facendo un bo traballo, era o seu ano. E quixérono todo. O enfrontamento de semifinais da Kunka, ante o MAG, foi unha desgraciada acumulación de baixas como poucas ou ningunha vez se vira. Así e todo, sen Bican -por exemplo- e con Voller moi mermado, conseguiron defender o seu estadio cun vibrante 3-3. Se a ida foran un exemplo de cadea de baixas desgraciada, a volta foi a peor. E así e todo, até os últimos minutos, até o gol de Kempes, os sexys esqueceron a súa natureza guei para pelexar pola vitoria absoluta. Rematan a tempada con 15 puntos WIFA, unha das anotacións máis altas da historia, igualada coa do Shakhtar da T3. Para o vindeiro ano, volven ser favoritos. Soñan co inicio dunha auténtica era rosa.
Todos os demais: a loitar!
.
1 comentario:
Como mola ler crónicas. Deberiamos animarnos máis.
Publicar un comentario