(Marko Czalic - Montreal)
Concluiu a primeira volta da T8 no Etade Durruti. Aínda que non tanto como outras tempadas, o certo é que o Shakhtar mantén a súa tradicional dificultade para gañar na casa, algo que congrega máis público do esperado. Os seguidores deste clube son especialmente felices visitando o seu estadio cando non saben que resultado agardar. E, hoxe por hoxe, iso é algo que teñen garantido. Seis partidos desputaron os montrealinos como locatarios nesta primeira metade da tempada -réstanlles, pois, 5 de LPU- e, como sempre, deberán confiar nos resultados que poidan obter fóra do Quebec ante Babudos e Clash para definir os seus obxectivos reais de cara á segunda volta.
X1. Shakhtar-MAG
Partido inaugural da LPU8, intenso e desputado. Aos 65 minutos, Rosicky, que semella máis afinado que na T7 -a paciencia con el resultou acertada- provocou unha falta. Mutu, a reincorporación estrela desta tempada, executou con mestría para desfacer o empate. Poucos minutos despois, o romanés rematou coas esperanzas de igualada do reencarnado Swazi cunha espléndida xogada individual que el mesmo finalizou (2-0).
X6. Shakhtar-Asalta
As defensas impuxéronse aos ataques, por regra xeral. E houbo un tempo para cada equipo. Queren máis tópicos? O encontro no que se xuntan 12 títulos non deu, en suma, a talla do que se debe esperar deste partido. Asaltacunas comezou mellor e o inspiradísimo Diego Milito gañou a acción a un pobre Grygera (Maldini é baixa unha e outra vez) para bater doadamente a Niemi. O Shakhtar non pasou máis apuros serios exceptuando a súa incapacidade para combinar, ante a continua anticipación das liñas de contención arxentinas. No segundo tempo, a mellora defensiva dos locatarios traduciuse nun xogo algo máis cómodo para eles e algo máis a contrapé para os visitantes. Ante o frouxo partido de Owen, foi unha boa combinación entre Heinrich e Mutu -tras un roubo do primeiro na liña de medios rival- sorprendentemente finalizada polo propio alemán, a que decidiu a sorte do partido (1-1).
X2. Shakhtar-Rif
Nun duelo de goleadores, Güiza abriu sorprendentemente o marcador para os rastafaris, a sensación do campionato. No segundo tempo, Vialli colocou desde a frontal un excelente remate que supuña o gol 400 para o Shakhtar. Os mangostas colleron entón o control do partido, pero un erro de Ignashevich foi aproveitado por Güiza, novamente, con enorme precisión. O Shakhtar loitou até o final por non ver torcido o seu camiño e Vialli marchou só cara a porta no minuto 90. Yobo sacou o sacho e viu o cartón vermello directo, que podía pagar a pena se salvaba o resultado. O Shakhtar tirou de precisión e, coa baixa de Mutu, Arshavin executou o lanzamento que o porteiro enviou ao recuncho. De novo Arshavin se responsabilizou do balón parado e Vialli anticipouse con forza no primeiro pau para igualar o partido e a Güiza (2-2).
X8. Shakhtar-Análisis
Malia un arranque dominador dos procesadores, a partir do minuto 10, aproximadamente, viuse un bo partido do Shakhtar no que se adiantou con gol de Owen e non pasou apuros até que decidiu sentencialo por medio de Mutu, xa preto do final. A partir de aí, Marcelinho recurtou a diferenza e os rusistas pasaron algunhas dificultades para preservar o trunfo (2-1).
X4. Shakhtar-Torpedo
Este será un dos mellores partidos da presente liga. Un encontro serio, mais de xogo fluído, combinación e grande emoción. Mutu adiantou aos seus cun remate dentro da área antes de que Dzajic collera o mando das operacións. O Torpedo tirou do serbio unha e outra vez para desnivelar, aos puntos, o primeiro período en favor dos nosos. No marcador, empate a 1 tras o magnífico disparo de Van Bommel, que anotaba o gol 300 do Torpedo. O segundo tempo viu reaxir a un Shakhtar tremendamente inspirado que atinou a adiantarse de novo a 12 minutos do final nunha boa xogada na que Mutu asistiu para que Vialli convertese con contundencia. Pero o Torpedo non se rendeu e, contra a fin do partido, atopou un desaxuste na defensa locataria para que Dzajic, moi seguro, encarase e resolvese. Excelente encontro (2-2).
X10. Shakhtar-Ordem
Por dicilo vulgarmente, unha inxustiza. Pero é o que hai neste deporte e a este nivel. Espléndido primeiro tempo dos locais, do que é difícil lembrar algo que non sexan remates e máis remates sobre a porta de Cech. Remates errados, quérese dicir. Coa convición de que máis non podían facer que seguir igual, os locatarios atoparon un rival máis resistente no inicio do segundo tempo. O Ordem avisou cunha boa chegada e a calidade de Bergkamp e Solskjaer permitiulle anotar nas dúas seguintes. Os de Xinzo aproveitaran o seu momento. De aí até o final, con Park e Arshavin hiperactivos, reproduciuse o escenario da primeira parte. Só o ruso foi quen de bater finalmente a Cech, pero xa no minuto 92, na enésima oportunidade, no que pareceu unha broma do destino. Os puntos voaron de Montreal, alonxando polo de agora ao Shakhtar das posicións cabeceiras (1-2).
1 comentario:
Aviso ya de que el viernes no disfrutareis del equipo más irregular de la liga. No estaré.
Publicar un comentario