Messi, Messi, Mágico
Así que o Shakhtar fica xa líder e aínda máis preto do título: agora bástalle un empate nun dos dous encontros pendentes ante o Rif ou unha vitoria nun dos dous pendentes ante o Pollo. Ou, simplemente, que o Rif ceda 3 puntos dos 15 que lle quedan en desputa. Condicións estremadamente favorables para os rusistas, que onte deron un grande e sufrido paso máis en Sierra Maestra. Arrancou o encontro e o primeiro tempo foi un asedio dos locais. De máis a menos en insistencia, pero asedio de principio a fin. O Shakhtar logrou fiar algo parecido á súa primeira xogada alá polo minuto 30. Pero os Babudos dilapidan ocasións como poucos equipos. Non aseguran, non buscan o remate cabrón ao final das súas chegadas. Así, tirando de estatística, o primeiro tempo concluiu con 8 remates babudos e 2 quebequeses. Emanuelsson e, cando non, Yepes, anularan a Messi e o resto do Shakhtar amosárase impreciso ou precipitado, incapaz de superar a eficaz presión do rival. E Agüero creando problemas e errando, ben rodeado dos Laudrup.
O segundo tempo cambiou. O Shakhtar non foi brillante, pero tivo máis control e estivo máis tranquilo. Chegou máis que o rival. E non perdoou. Na primeira combinación clara, Messi atopouse por fin desmarcado, Larsson recibiu, viuno e filtrou o balón entre a defensa rival (Ranocchia chegou a rozar o envío, mais en prol do arxentino). Así que Messi, só ante Casillas, achegouse, achegouse máis, ergueu a cabeza, comprobou que o primeiro pau estaba libre e disparou cara el e a colocar, por se acaso. Asegurou todo canto puido e atinou. Na súa cabeza de bo estudante, seguro que resoaban as palabras do grande mestre: "si estás solo, acércate". Minutos despois, Bican conduciu unha rápida transición e cedeu a Larsson que, en difícil posición, cruzou un remate moi aberto que Casillas só puido rexeitar. Messi correu cara o balón morto e empurrou o segundo. Só na xogada final, tras moi boa combinación colectiva, chegou o gol dos Babudos. E tivo que ser Mágico 'o Cabeceador' tras rexeitamento de Zubi, xa que o primeiro remate desde a frontal volveu resultar algo precipitado.
Os Babudos mereceron máis no conxunto do partido, mais perdoaron en exceso. Terán que traballar na súa contundencia. Tocante ao Shakhtar, viría ao caso recomendarlles que poñan as pilas e que recuperen a capacidade de saír ao campo con total intensidade ou o van pasar moi mal... pero o certo é que, agora mesmo, cando menos na LPU, parecen ter todo o traballo feito.
Consulten aquí actualizacións e coreccións clasificatorias.
.
Ningún comentario:
Publicar un comentario