xoves, 9 de xuño de 2011

Un estraño informe da tempada

Littbarski, Gallas e a Kunka

Desprazada da atención dos focos pola espectacularidade do novo formato da Kopa do Pollo, que chega a contar con máis partidos que esta competición, a mítica Kopa, a Kunka, nunca perdeu un chisco do seu esplendor. Segue a ser a competición máis difícil e conta, ao longo de 19 tempadas, con só 6 campións (só 4 deles en activo), polos 8 da KP e os 9 da LPU. As confrontacións a duplo partido requiren dun especial sangue frío, de paciencia, manexo dos tempos, valentía e decisión. Non deixarse impresionar por un mal comezo da eliminatoria e permanecer na loita agardando polas inevitables relaxacións do rival son cualidades fundamentais para acadar a final máis importante da WIFA. A final da Kunka. Nesta 20ª edición desputáronse xa 4 eliminatorias e todas elas se resolveron por un gol de diferenza. E xa se coñece a un dos finalistas: será o MAG. O MAG superou nunha espectacular dupla confrontación ao Shakhtar, o mellor equipo da historia do torneo, 11 veces finalista, 6 campión e, con diferenza, o rival máis duro a duplo partido. Nunha tempada, ademais, na que os de Montreal, da man de Iuri Gagarin, están a bordear a perfección.

A eliminatoria comezou no Durruti, con baixas asumibles en ambos bandos e con Messi, intratable, arrasando coa defensa rival. O partido chegou a 3-0, pero o MAG loitou, guiado por Littbarski, e acadou o 3-1. O Shakhtar seguía a dominar o partido e estableceu o 4-1 pero, nos últimos minutos, o estremo xermano serviu para Law, que anotou o 4-2, facendo enrugar ostensiblemente o nariz do cosmonauta. O MAG xa creara problemas ao seu equipo no emocionante 2-2 da primeira volta da LPU e aínda que, despois, os rusistas lograran apear aos magos dos cuartos de final da KP por 2-0, estes contábanse entre os únicos equipos que deran verdadeiras dores de cabeza ao Shakhtar ao longo dunha tempada na que case todo lles está a saír de cara. Os outros foran o Asaltacunas, que leva unha impresionante xeira de 8 partidos sen perder cos de Montreal e que, na dupla confrontación ligueira logrou un empate a 1 e unha vitoria por 0-1 ao errar Park por centímetros a clara ocasión final para o empate; e o Ordem, derrotado dúas veces por 1-0 en duros partidos ligueiros e protagonista da outra derrota montrealina da tempada: precisamente na Kunka, e tamén por 0-1 na ida dos cuartos de final en encontro similar aos ligueiros. Na volta, en Xinzo e con varios tocados, o Shakhtar sacara o mellor de si e arriscara cun equipo de circunstancias fronte a un enorme Van Basten, nun duelo que concluiu 3-5 e os conduciu ás semifinais.

O MAG, pola súa banda, completaba outra vez unha tempada mellor en xogo que en resultados, e pésima no económico. As mellores noticias viñan, sen dúbida, da súa tripla atacante: Littbarski, Signori, Law. Gracias a eles -aínda que Littbarski se amosara algo apagado- bateran ao River na durísima eliminatoria de cuartos por un global de 3-2.

Así chegou o partido de volta, co Shakhtar soñando mesmo coa idea do triplete, moi convencido do seu xogo e claramente preocupado por un marcador do que fuxira unha miga de calma. E con moitas baixas, entre elas, novamente, Bican (a súa tempada merece análise aparte: xa sabe que marchará a final de tempada; xogou ben, elevou o nivel do equipo como conxunto, pero non brillou abondo e ausentouse demasiado para o que se agarda del). Co Playa del Matadero ateigado, Bozsik cazou un rexeitamento e devolveu a vantaxe a tres goles, tranquilizando ao seu banco. Pero quedaba un mundo e a distancia non era insalvable. E estaba tamén Pierre Littbarski, secundado e case entronizado polos seus compañeiros de ataque. O pequeno xermano igualou e deu volta ao marcador no segundo tempo. O Shakhtar seguiu o seu patrón usual de xogo (15 remates deles por 12 do rival ao remate deste encontro; 15-10 en prol dos mangostas, tamén, na ida. Julio César salvou ao seu equipo da sentencia un par de veces) e tentou non perder a calma cando se achegaban os minutos finais con só medio gol de vantaxe. E entón, a quince minutos do final, apareceu, DESapareceu, William Gallas. Gallas recibira instruccións de subir se o equipo ía perdendo e si, de certo, no marcador puña MAG 2-1 Shakhtar. Só que todos os seus compañeiros interpretaban que ían gañando, o que tamén era certo. Así que a sorpresa foi maiúscula cando o grande central francés, o encargado nas últimas tempadas de suplir ao mítico Lúcio, arrancou cara campo rival sen mirar aos lados. Perda de balón, pase directo a Littbarski e hat-trick para o xenial xogador ante o constipado Zubizarreta. O gol tivo un efecto positivo sobre o Shakhtar: quedaban pouco máis de dez minutos pero, por fin, todo o mundo concordaba en que ían perdendo, mentres Gallas acenaba con suficiencia como dicindo "xa volo dicía eu". Os non-canadianos vaciáronse contra a meta de JC e acadaron un córner no minuto 84. Serviu Bale ao segundo pau e apareceu o grande goleador da tempada, Henrik Larsson, para cabecear o 3-2.

De novo, o caos. Estamos gañando, pensaban os xogadores do Shakhtar. Estamos perdendo, pensaba Gallas. O MAG apenas tivo tempo a sacar de centro e o francés (despois declarou: "pásalle a calquera") xa abandoara o seu posto ante a desesperación de Chygrynsky e a incomprensión de Toulalan. Littbarski, moi atento ao desaxuste, buscou axiña a Law o escocés atopou o primeiro pau dun Zubi máis griposo ca nunca. Esperpento. Premio á fe do MAG e ao talento de Pierre. Prórroga.

No saque de centro, boa combinación, papanatismo na zaga, Littbarski (4 goles e 3 pases nos 7 do seu equipo nunha actuación individual para a Historia) atopou a Law e chegou o 5-2. Nun tempo extra histérico, o Shakhtar volcouse, buscou o gol ata o final, pero xa non foi quen de amañalo máis.

O MAG desputará a final na busca da súa 3ª Kunka. Se a acada, farase un oco entre os grandes dun xeito bastante orixinal.

O Shakhtar debe loitar aínda polo único doblete que lle falta, o "Pequeno" (LPU+KP). Na KP agarda rival na prefinal. Na LPU depende de si mesmo. Unha vitoria sobre o Rif nun dos dous partidos pendentes, daríalle o título. E aínda ten outros tres máis para sumar. Hai moito que non se ve un Rif-Shakhtar, por caprichos de calendario. Os de Chaoui, precisan apelar á Vitoria Suma (existe a Vitoria Suma? Cal é a súa definición exacta?) e agardar dous tropezos extra do Shakhtar. O Asalta, con todo vendido, podería ser campión se se produce un auténtico accidente de tren.

O fútbol moderno

Nos tempos recentes asistimos ao nacemento dun modelo de plantel que parece ser a chave do éxito na WIFA: buscar 3 grandes dianteiros (ou atacantes), perfectamente axeitados ao estilo de cada quen, e construír o equipo a partir de aí. Nesta liña, aproximadamente, móvense Shakhtar, MAG, Asalta, Túzaros, Rif e River. Despois é útil contar cun cuarto home: para algúns este debe ser un centrocampista con poderío ofensivo (Bozsik, Cesc) e, para outros, un suplente de garantías (Negredo); e aínda para o Asalta, a renuncia ao mediocampo e a aposta por unha proposta defensiva e de contragolpe (Puyol, Ramos). O resto do equipo busca ser un mecanismo de precisión, onde hai que buscar pezas que cumpran as misións encomendadas da forma máis satisfactoria e polo mellor prezo. Estes conceptos, tácticas aparte, veñen adquirindo unha importancia desmedida e son unha interesante opción a contemplar polos restantes conxuntos.

Pero, noutras épocas similares, houbo clubes que triunfaron coa opción oposta. E deixamos aquí unha proposta de plantel de valor intermedio para tentar trunfar contracorrente. Pártese da idea dun líbero, dous centrais, un carrileiro, un lateral, un CCD, MC, CLT, SD, DC:

Reina 9
BARESI 15
STAM 16
Piqué 15
Lahm 8
Vargas 10
Gilberto Silva 7
Valencia 6
HASSLER 8
Quagliarella 8
CARECA 10
Pyatov 1
Gonzalo 4
Krasic 5
A. Song 4
Anderson 6
J. O'Shea 2
Cardozo 6
Plantel 140

20%

1 comentario:

MAG dixo...

Menuda cronica! moi boa.. case me puxen tan nervioso como na eliminatoria XD
Littbarski e deus e Signori o seu profeta. Law e un escoces bebedo que as chuza. E despois van nove colegas mais con eles a xogar.