O Xornal do Pobo anuncia a decisión de substituír ao Marko Czalic nos seus labores de correspondente en Montreal e de cronista seudo-oficial do campionato. Esta substitución vén derivada directamente do feito que todos coñecen: Marko, máis ao servizo do Pobo que nunca, forma con Dragan Dzajic o tándem de adestradores do Torpedo. Que sexa para ben. Máis lles vale.
Así as cousas, desde a vindeira semana comezarán a distribuírse as súas tarefas do seguinte xeito: as clasificacións publicaranse talmente como nos chegan da secretaría, así que non se estrañen de ler titulares tipo "Lévase o verde" ou "Que hora é?", pois parece que o encargado dos comunicados secretariles é un cachondo mental e o Pobo non debe gastar os cartos en filtros prescindibles. Para a cobertura da información xeral da LPU, hónranos contar coa presenza do xove ex-futbolista Igor Czalic. Tocante ás informacións sobre o Shakhtar, o sospeitoso xornalista Panto Espanto asumirá a función, recobrado xa do cadeirazo que lle propinara David Trezeguet e que o tivo en coma por varios anos. Maksim Shatskikh, como representante oficial do clube, será o noso principal contacto coas interioridades quebecas.
Marko Czalic, porén, amosouse disposto a manter unha colaboración periódica -aínda que non quedou moi clara a periodicidade, polo que cabe falar de periodicidade entrópica- mediante a publicación de artigos onde expresará o seu punto de vista do que se estea a cocer no Torpedo. Tamén manterá a sección "Pregúntalle a Marko", aínda que é moi probable que delegue en bolseiros e que a calidade da infomación decreza.
Ben, isto é todo neste aspecto. Agora, o Xornal do Pobo comprácese en presentarlles unha nova e vibrante xornada da LPU, con duelos estelares e decisivos de cara ao seu desenvolvemento final. Dentro da igualdade predominante pódese destacar por riba de todos o encontro da xornada sexta entre o Rif e o Ordem. O extraordinario e non sificientemente aclamado líder-sorpresa mídese a un colista pelexado coa fortuna e co gol, pero que deberá dar o seu máximo para tentar manter aos ganlleiros no rango de tiro dos restantes conxuntos. Se ben a bo seguro a motivación dos arraianos, moi por riba desta, vai ser a de comezar a recuperar posicións a costa de quen sexa. Outros dous partidos de grande interese son Pollo-Ordem da 4ª e Shakhtar-Pollo da 7ª, por canto os de Malmö poden ser aínda campións de inverno e, despois de rebotar contra o fondo a finais da T8, non parece que teñan pensado deixar fuxir unha verdadeira opción de acadar o máis alto. Veremos como deixa as cousas a grande batalla multicolor desta noite.
.
Ningún comentario:
Publicar un comentario