sábado, 4 de decembro de 2010

Júlio César defende a porta da MAGia

Xa está a bola en movemento. Xa tardaba. Comezou unha das tempadas máis prometedoras, futbolisticamente, da WIFA: a T17. Igualdade, competitividade e detalles de clase na xornada inaugural, cumprindo coas expectativas.

Abriron Shakhtar e MAG, cun desputado empate a 0. Os rusistas tiveron máis bola, os de Monte Alto foron sólidos e tiveron un par de ocasións moi claras que detivo Zubizarreta. A seguir, Babudos e Pollo noutro duelo equilibrado e serio (0-0). No terceiro encontro, o incombustible Shevchenko anotou, tras xenial asistencia de 'Imbécil' Bystrov, o tanto inaugural da LPU17, pero o ex-non-canadiano Vialli igualou para o Ordem (1-1), coa súa clase habitual. E chegou a primera vitoria: o MAG, de novo co candado, puido cos rebolucionarios (1-0). Pero o Pollo recolleu o desafío e logrou a primeira goleada, un 0-2 no Arraiano co que accedía ao liderato da man do grande Zlatan. Un obús teledirixido de Bruno Conti permitiu aos Babudos estrearse co gol, pero o Shakhtar, no seu peor partido, buscou a súa oportunidade no treito final e unha manobra de Stoichkov con remate de Nedved permitiulles salvar outro punto. Na confrontación polo liderato, o partido da hamburguesa, MAG-Pollo, a seriedade e o silencio dominaron a escea (0-0). Pola parte baixa, o Ordem presentouse en Sierra Maestra: duelo comunista para enderezar o rumbo saldado coa goleada da xornada (0-3; Cocu, de penalti, autogol de Zokora, cabezada de Vialli). O Durruti acollía ao visitante máis admirado, o equipo presidencial -que chegaba ademais como líder-, coa necesidade dunha vitoria despois de tres empates; nos vinte minutos finais, 'Útil' Hleb rompeu un partido igualado con dous tantos. Por último, o MAG compareceu en Xinzo para facerse forte na cabeza da clasificación e logrouno despois dun competido encontro que concluiu cun novo 0-1.

O gardián brasileiro festexa trunfo sobre o River

E chegou o agardado debut do River

Apareceu por fin o 14º clube da historia da WIFA, un conxunto disposto a competir en carisma co mesmísimo Pollo. E chegou dando espectáculo: se a media de goles nos 10 primeiros partidos fora de 1,3 (rexistro extraordinario), 12 tantos caeron nos tres partidos dos desperdicios. O Shakhtar conservou a liña ascendente e abriu cun sutil remate de Shevchenko (a pase de Stoichkov); Zanetti anotou o empate, Stoichkov puxo terra de por medio nun bo encontro dos locais e Platini (a pase dun sobresaliente Pienaar) acurtou para devolver por uns minutos o sufrimento á grada (3-2). Logo, o River logrou o seu primeiro punto: na casa, ante o Ordem e sufrindo moito, Pienaar convertiu un grande pase de Platini (que xa anotara antes) moi preto do remate para pechar un 2-2, no partido da estrea goleadora de Cruyff.

E o mellor para o final: o MAG, invicto e imbatido, recibía ao River coa obriga de gañar para seguir no alto. O partido tivo alternativas e cando Salihamidzic, no minuto 70, se converteu no primeiro xogador en batir a Júlio César (máis de 430 minutos coa porta a cero) nesta tempada, parecía que os locais ficaban sen argumentos. Pero, nunha reacción eléctrica comandada por Drogba, Kempes e Milner, os magos demostraron que as fondas reformas do plantel trazaban un plan ambicioso e levaron o delirio á bancada (2-1), para seguiren no alto.

2 comentarios:

Rapajk dixo...

Un comezo de liga bastante interesante. O River que é, coma o Werder?

getxo dixo...

Algo así, pero con Platini e Rooney. E seica Michel nos ten ganas a todos.