(Redacción)
Si señores, o espectáculo máis lamentable que se pode dar nun terreo de xogo puido ser presenciado polos 90 mil espectadores que asistiron ó Estadio Neutral para ver a final da Kopa da T16.
Antes do encontro, O Puto Rif desfixérase do Asaltacunas na súa semifinal e o Der Torpeden fixera o propio co Couto Mixto. O filial filoxermánico do Torpedo era o favorito en tódalas apostas. O seu inimigo, podrecido polo poder do capital, non podía aguantar moito tempo toda a xustiza do Pobo desatada.
O once dos nosos, é dos que os rapaces xa recitan de memoria: Pletikosa - Owomoyela, Galasek, Robert Kovac, Lahm - Reuter, Frings, Olic - Pellisier, M'Boma e Crouch. O xigante inglés estaba especialmente motivado tralo seu triplete nas semifinais.
O inimigo pola súa parte, sacou a Buffon, Di Stéfano, Gerrard, Romario, Messi e non sabemos que máis. Quizais Andreas Möller. Nada que temer.
Comeza o encontro, e xa no minuto 2, unha falta botada dende a nosa dereita cae a pés de Di Stefano, que chuta dende a frontal da área. Pleti só pode rexeitar o balón e Romario, ben posicionado, remata con moita clase. Un gran gol, propio dun crack. Entramos nunha fase de alternativas no dominio do xogo, O Puto Rif comeza a perder a súa superioridade inicial e o Der estírase cada vez máis.
Minuto 20. Un magnífico pase de Torsten é controlado por M'boma na frontal da área pequena do inimigo, e cando estaba a piques de poñer o empate no marcador, Hentinga derrúbao cunha magnífica sachada por atrás, impedindo o remate. O colexiado, amigo do capital e home de ben, decide non sinalar nada. Esta xogada marcaría xa o resto do encontro. A mellor descrición que atopamos é a do propio Janas, falando ó remate do encontro con outro membro da WIFA. Os nosos micrófonos só puideron recoller a parte final da súa testemuña:"Y entonces llegó Heitinga y le metió una ostia..."
O Torpeden non tira a toalla, e o encontro segue con ocasións nunha e noutra portería. Os porteiros estiveron moi atinados ao longo de todo o encontro, desbaratando ocasións unha e outra vez. Hai que falar dos disparos do Puto Rif, contundentes e centrados, ós que Pletikosa respostou de xeito maxistral. O noso clube respostou a base de saques dende o recuncho, sen moito éxito. Non é que o fixeran mal, mais non anotaron. Bueno, si que o fixeron mal. Perdón.
Entramos na derradeira media hora, Torsten fai unha falta no círculo central e é castigado co cartón vermello. O Pobo non daba crédito. Xa o cartón amarelo podía ser discutible, mais cando o colexiado-amigo-do-capital-e-home-de-ben lle indicou o camiño dos vestiarios comezaron os cánticos nas bancadas "Así, así, así gana el MadRif".
A falta de cinco minutos unha contra inimiga levada por Pato acaba nos pés de Romario, que marca a pracer. O que hai que ver.
O Pobo non se rende nunca, e case xa no tempo de prolongación, Olic, que por certo fixo un gran encontro, colle os seus collóns nunha man, o balón nun pé e chuta raso dende a frontal. Gol de Ivica, tarde, mais non menos merecido. Saque de centro e o colexiado-amigo-do-capital-e-home-de-ben asubía o final, para a continuación marchar cos xogadores do Puto Rif a celebrar o trunfo. Non era para menos.
Queren estatísticas? Pois aí van:
- Disparos do Der: 12, 9 entre os tres paus
- Disparos do Puto Rif: 12, 9 entre os tres paus
Lembramos dende aquí que o Pobo, fundamentalmente o de Zagreb, non se rende nunca, e que este equipo leva, en dúas participacións copeiras, unha semifinais e unha final. Para a vindeira, o título, non o dubiden.