(Marko Czalic - Montreal)
Mentres outros aproveitan esta pretempada para papar moscas, o inconmensurable talento xornalístico de Czalic permite aos nosos lectores retomar o pulso da actualidade alí onde non hai nada. Agardando a que prontamente se resolvan os escasos compromisos pendentes dunha agoniante T7 de completo dominio anarquista (tanto a nivel de títulos como de aniquilación rública), por Montreal comezan a correr os rumores de movementos no plantel con forza inusitada. O Shakhtar das Kopas agarda aínda para saber se será 4º ou 5º na liga do Clash, pero prepara xa a vindeira tempada coa máxima ilusión e moitos máis trocos do que neles é usual. E é que a idade non perdoa e os non-canadianos teñen en mente unha boa lista de novidades. Disto habemos falar no futuro. Polo de agora, como anticipo, vexan a lista de baixas. Habémonos trabucar en algo, seguramente. Pero este documento é, a día de hoxe, o máis parecido ao que rolda as cacholas de Moore e Clemente:
Vanse...:
- Luciano Zauri: O polivalente defensor italiano contou con poucas oportunidades que, á súa vez, aproveitou tamén escasamente. "Para ter un inútil, hainos con máis carisma", comentan os máis duros. Zauri non era malo, así e todo. Un día achegou pasteis ao adestramento.
- Nicola Berti: Eficaz. Un suplente perenne para o centro do campo. Abstemio (ou excelente bebedor, segundo as versións), esta cualidade permitíalle cubrir as continuas "desaparicións" de Titov. Berti nunca deu problemas e si tremenda solidez ao medio do campo cando foi requirido. No seu debe, un par de pésimos partidos e unha enfermiza falta de gol. A súa marcha está máis vencellada á reestruturación do plantel do que ao seu rendemento.
Probablemente marcharán...:
- Emlyn Hughes: Curioso caso o de Hughes. Máis polivalente aínda que o seu compañeiro italiano Zauri, o carismático videoxogador asumiu incomprensiblemente a capitanía do equipo durante as dúas tempadas de permanencia do mesmo. E isto malia que apenas se relacionaba cos seus compañeiros. Do día da súa chegada traemos estas palabras: "Espero aportar moito. Son un xogador de clube. Probablemente a miña virtude principal é que son útil en moitos postos: central; lateral, carrileiro ou volante esquerdo; CCD; centrocampista...". Logo declararía que "Prefiro non falar máis". Algúns vencellan esta actitude co feito de que Emlyn xogou fóra de sitio todos os seus partidos desque chegou ao clube: no lateral dereito.
- Paolo Maldni: Un superclase. Que se pode engadir? Paolo cumpriu con excelencia -agás pola frecuencia con que causaba baixa- no posto de central e de lateral esquerdo e foi un exemplo para todos sobre o campo, peza chave nos 3 títulos acadados polo clube no período T6-T7. E mesmo se atreveu co gol. Fóra do céspede deu moito que falar polo seu costume de meter o dedo no nariz en público e foi tamén moi comentado que posiblemente era analfabeto. A súa marcha viría causada pola pretensión do Shakhtar de redistribuír o seu rublismo polo campo, en contraposición a este período no que a defensa estaba feita de ouro.
- Rainer Bonhof: Parecidos motivos habería oficialmente tras da posible marcha de Bonhof, unha das sensacións das dúas últimas LPUs. O alemán non cansou de exhibir a súa descomunal potencia física. Tanto no lateral esquerdo como de stopper no mediocampo, Bonhof marcou unha época no Shakhtar. Imposible de esquecer, afacerse á súa ausencia será un dos principais problemas tácticos que deberá superar o tándem M-C neste novo período. As malas linguas comentan que a marcha de Bonhof, antigamente 'fan' de Alan Moore, poderían ter por orixe as súas críticas a "Promethea" e "Lost Girls", obras coas que era disconforme, na súa colaboración semanal no suplemento cultural de "Papeles de fútbol cúbico".
- Tunçay Sanli: O "12º titular" do Shakhtar durante a T6, as súas saídas do banco encheron de puntos os petos do campión nese ano. As chegadas de Rosicky e Shatskikh limaron as súas posibilidades de contar con minutos durante a T7, malia que ao disciplinadísimo otomano -bueno, otomano non, o que é é turco- nunca se lle escoitase queixa. Estivo cando o equipo o precisou así e todo, e o Shakhtar debe o gol da tempada do clube ao seu caótico talento: unha enorme xogada persoal na final da Kopa do Pollo. A intención do equipo de invertir máis recursos no ataque ocasionaría a súa marcha.
- Egor Titov: Si, moita clase, pero curda todo o día. É certo que, como Hughes, Titov nunca xogou no seu posto; pero contaba con liberdade de movementos suficiente para non andar con queixas. E efectivamente queixar, queixábase pouco. Pero bebía moito. Normalmente despois dunha borracheira tardaba uns días en atopar Montreal, non digamos xa o estadio. Aínda por riba tiña o costume de arrastrar a outros centrocampistas con menos carácter nas súas "festas" e varias veces o equipo ficou en cadro nesa liña por esta causa. A súa baixada de rendemento foi a gota que faltaba para rebordar o vaso. Botarase a faltar a súa calidade co balón nos pes, sempre coa cabeza erguida e urdindo algún plan malévolo sen présa.
Probablemente fiquen...:
- Antti Niemi: A súa súpeta mitificación estivo a piques de levalo lonxe do equipo, pero semella que os compañeiros non están dispostos a se desfacer da súa carismática dupla de porteiros fineses. Agardábase del un rendemento de mínimos pero, arroupado por unha magnífica -se ben moi adiantada- defensa, completou actuacións de mérito, marcando diferenzas en momentos decisivos, contra todo prognóstico. Cando Niemi foi alcumado o "Gólem", ninguén coñecía a causa. Agora que é coñecido como "O Jedi", seguimos sen saber porqué. Iso si, todo un cabaleiro, malia a súa aparencia de besta en delirio perpetuo.
- Jussi Jääskelänen: Incribles prestacións ante as baixas de Niemi, o futuro de ambos semella ligado. É moi pouco probable que vexamos a Jussi no Shakhtar se finalmente Niemi marcha pero, como semella que vai ficar, o máis probable é que poidamos seguir desfrutando desta excelente dupla no futuro inmediato.
- Tomas Rosiçky: Un non sabe ben que pensar do talentoso centrocampista checo. De ningún xeito cumpriu coas expectativas depositadas nel por un clube que o tivera na axenda por anos. Semella, porén, que os responsables finais da decisión decidiron que unha espera tan longa merecía tamén unha paciencia longa. Por outra parte, Rosiçky é o chistoso do vestiario. Outros dirían que é o pesado. Todo o mundo coincide en que o seu non é o humor, pero el segue probando, unha e outra e outra vez. Que se lle vai facer.
- Maksim Shatskikh: É difícil falar de quen é Maksim Shatskikh fóra do campo. O seu amor por Canadá e o Shakhtar é tan desproporcionado que apenas lle permiten falar doutra cousa. Desfrutou como un anano das súas escasas participacións e o certo é que poucos "peros" se lle poden poñer ao seu traballo. En principio ía ser desbotado, pero os médicos desaconsellaron vivamente esta posibilidade.
- Jan Koller: Velaquí a montaña, como cada ano. Noventa e seis goles o contemplan. Todo parece indcar que seguirá capitaneando a ofensiva do Shakhtar, aínda que os anos non pasan en van -agás para o seu cerebro- e Koller podería atopar máis dificultades que no pasado para desenvolver o seu fútbol. Polo pronto, aí segue. Coa ilusión dun cativo e o tamaño dunha besta mitolóxica.
Fican...:
- Sergei Ignashevich: Ignashevch non é Lúcio nin é Maldini. Certo. Pero fai o seu traballo. Por unhas ou por outras é bastante habitual velo xogar como titular cos seus, e ben poucas veces deu que falar para mal. Un dos líderes naturais do vestiario, se ben estes conceptos non gustan moito por aquí.
- Lúcio: Lúcio fica, claro. A estas alturas xa non sabería onde ir. Lúcio é historia viva do Shakhtar e non ten ningún problema en aburrir aos xogadores máis novos do clube relatándolles pormenores de antigas batallas coa súa prodixiosa memoria.
- Gilberto Silva: Gilberto empeza a estar xa algo vello para isto, pero é un deses xogadores que convidan a que os estires mentres sigan por aí. E por aí segue. Chegou hai moito, moito tempo. E aínda non lle é hora de marchar. E ademais Gilberto, ao cntrario de Rosiçky, É gracioso.
- Park Ji Sung: O único eterno do Shakhtar, xunto a Lúcio, está feito de distinta pasta. Parece habitar un Universo paralelo. Pero, cando entra no campo, aí si, intégrase co entorno. A Park tocoulle xogar de todo: de suplente, de medio-suplente, de lateral, de estremo, de volante e de rapaz dos recados. Foi un dos puntos febles do plantel, un xogador de clube e unha estrela. E estrela é o que é agora. Agora que xoga de centrocampista e que a súa misión sobre o campo é "facer todo". Park foi o líder indiscutible do Shakhtar nas dúas competicións kopeiras que logrou durante a T7 e nas que el acadou uns números ofensivos escandalosos. Poderá manter este fabuloso rendemento?
- Aleksandr Hleb: Hleb foi durante a T6 todo o contrario do agardado: un dos futbolistas máis rendibles do plantel. De aí obtivo o seu alcume, "Útil", que pasea sen demasiada convicción polo mundo. De tendencias sicopáticas, na T7 conservou a súa capacidade de desborde e converteuse no xogador comodín ao que o equipo recorre cando quere meterlle unha velocidade máis ao partido. De natureza caótica, os seus contactos co balón adoitan ser imprevisibles. Tan pronto enfundou a casaca do Shakhtar soubo que atopara o seu lugar na WIFA. Este ano váiselle pedir máis que nunca. veremos se segue dando a talla.
- Vyacheslav Azutkin: Para Vyacheslav Azutkin, a promesa de canteira rusista, este é o ano do todo ou nada. Moito se traballou na súa progresión e o equipo sacrificou algo máis que tempo para levalo a onde apontaba e máis aló. Con algunhas actuacións de mérito, o volante dereito debe agora asumir un peso real no equipo, mentres completa a súa progresión, ou estaremos ante un fracaso de quilates. Polo momento, hai motivos para o optimismo.
9 comentarios:
Sin duda, el mejor artículo de Czalic.
Ah, moitas gracias, home. Non sabía que estabas tan interesado na vida interna do Shakhtar.
Por certo, espero que o redactor xefe estea orgulloso de min por utilizar a miña propia conta para publicar. Xa aviso que cando haxa táboas de por medio non poderei facelo pero, entrementres, tentareino.
Debo rectificar. Lo que antes era sencillo y elegante, ahora es farragoso y pesado. No sé porqué ha estropeado así el artículo.
A todo esto ¿Cómo sabe quien se queda y quien se va si ni siquiera sabemos cuanto valen los equipos? ¿Tiene alguna información privilegiada?
Home, Czalic sempre ten ou cre ter información privilexiada. Eu. pola miña parte, teño a información privilexiada de que podo decidir o que vou facer. Evidentemente, estou tomando decisións sen unha base numérica sólida, mais si, espero, aproximada. O que outros poderían chamar "a ollo". Pero eu é que teño moi boa vista. E logo, que decido por apetencias, fundamentalmente. E agora me apetece isto.
O comentario suprimido fun eu sen querer. Non me afago a ter tanta responsabilidade editorial.
Boa análise. Só se bota en falta as fichaxes que pretende o Shakhtar.
Si, agora vou. Ademas, como ti e máis eu apenas temos obxectivos comúns.. Marcha do leste, hostia!
Por certo,
Clash 3-3 Pollo
Clash 7-1 Swazi
Swazi 3-3 Che
Publicar un comentario