luns, 31 de maio de 2010

Shatskikh: "Imos facer un equipo especular"

"Será un fiel reflexo do mellor da nosa historia e idiosincrasia"



(Marko Czalic, de permiso nas súas funcións de co-adestrador do Torpedo, sírvenos esta información ante a gravidade da situación en Montreal)

Compareceu Maksim Shatskikh, voceiro do Shakhtar de Montreal, ante os medios de comunicación. Fíxoo parcialmente forzado pola decadente traxectoria do equipo e parcialmente polo famoso "Informe 15.0: porqué molaban más los Antiguos", un documento de dubidosa existencia redactado por Panto Espanto, xornalista ex-fan do Shakhtar, para "Papeles de Fútbol Cúbico". A prestixiosa e algo estirada publicación rexeitou o artigo de Panto, pero semella que pronto poderemos ler o Informe 15.0 nas páxinas no Xornal do Pobo. Porque este Xornal non pode obviar o terremoto que está a sacudir as catacumbas da WIFA; todo son rumores sobre o mencionado escrito, ante o que ninguén fica indiferente, malia ter só trascendido aspectos moi parciais do mesmo. Pero esa é outra historia.

Centrados, pois, na comparecencia de Shatskikh, este tivo que responder a preguntas do tipo "está o Shakhtar absolutamente acabado?". Nun exercicio de cinismo sen precedentes, respondeu "por suposto que non", cun sorriso forzado, e incidiu na especularidade do equipo que o clube prepara xa para a T16 e que comezará a desenvolver xa ao longo desta T15, comezando, segundo el, polo draft invernal. Ante a insistencia de redactores deste Xornal, non tivo outra que recoñecer que será unha especularidade interesada, pois fíxoselle notar que un equipo comezado por Diego López e rematado por el mesmo sería tamén bastante especular á par que ridículo. O uzbeco resistiu como puido -regular- as acometidas da prensa, particularmente da de Montreal, tremendamente agresiva. "Borrachos", dixo un quebequés, ao que Maksim contragolpeou, ao estilo Banks, cun "Iso é unha pregunta?". Mesmo algún diario separatista do Quebec acusou a Shatskikh de "Amigo do Canadá", ante o que Shatskikh finxiu fonda indignación para responder que "desde logo, pero sempre cunha perspectiva de autogoberno quebequés nun Canadá máis social e plural".

"Non todo vai tan mal. Os Durrutinhos colleitan fracasos constantes, pero os seareiros están tremendamente orgullosos deles, logo do seu bo xogo nos torneos e o seu breve pero heroico debut kopeiro (2-2 no Etade Durruti ante os Babudos, 3-2 en Sierra Maestra, tras prórroga)". Estas declaracións valéronlle ao uzbeco a única ovación da rolda de prensa. Non esqueceu felicitar aos Babudos: "tal como lles puxemos as cousas, deben estar orgullosos; superaron unha situación de presión estrema, co seu público increpándoos e os nosos rapaces apretando até a fin. Xa veremos se todos os que agora rin amosan ese temple final. Haberá máis sustos e algún pitufo fará historia". Todas estas referencias foron a parte máis calma da multitudinaria rolda de prensa.

Pero no polo oposto, na tensión estrema, situáronse todas as preguntas relacionadas co artigo/reportaxe de Panto Espanto, un home totalmente desacreditado que pode saír do río cando se publique o seu brutal e cacarexado informe. Nunca foi a ética o punto forte de Panto, pero todos os que tiveron acceso a fragmentos do citado documento aseguran que iso, desta volta, non lle impediu sacar adiante toda a súa xenialidade. Así, referenciáronse parágrafos como "di Panto que o Shakhtar leva sen gañar unha LPU desde a T8; que si, que os mellores números, que si que moitos goles, que merda. Acusa ao Shakhtar de abandono, de incapacidade, de vivir de rentas, de ter esgotado o discurso, de ser un equipo gominola ao que lle falta espírito para gañar, que chega as finais e dase de abrazos cos rivais, que non planifica, que carece do xenio doutras épocas, que non se lle ve un camiño de retorno, que derivou e derivou cara o peor de si mesmo e que chegou a un punto en que, tal como xoga, o mesmo podería resolver os seus partidos por sorteo. E isto é só un resumo. Que ten que dicir?". Shatskikh abafaba -en Montreal, oia!-, superado pola situación, e apelaba aos bos resultados globais das 6 últimas tempadas malia a ausencia de títulos máximos. Pero o ataque continuaba: "este equipo non pode gañar unha liga nunca, non ten consistencia, non lle funciona o plan desde hai tempo; e o deste ano xa dá noxo. Unha vitoria de 8 en liga e nin sequera servirá a habitual maquillaxe da Kopa do Pollo". O amigo do Canadá defendeu a participación kopeira do equipo: "estivemos no noso. Superamos moi ben un grupo infernal e logo caemos ante un equipo caótico -Tuzaros-, que leva o selo KP no seu estilo e que sempre é perigoso neste torneo. Pero no xeral estamos todos dacordo. Non pode ser. Xa abonda de non ter entrenador. Non funcionou. O equipo e o público esixen a Clemente; queremos ver ao Shakhtar loitando como loitan os Durrutinhos e anuncio que Javi se fará cargo tamén do primeiro equipo con efectos inmediatos" asegurou no que pareceu unha resposta improvisada.

Finalmente fixo algo de autocrítica: "É verdade que caemos nos peores vicios tradicionais do Torpedo Zagreb, tocante á configuración do plantel. Non volverá suceder. Habemos volver ao rego. Eles mesmos o fixeron tamén. Confiade neste grupo. Habemos aprender a loitar outra vez. O fútbol moderno volveuse demasiado volátil, no sentido de que o primeiro gol é máis importante que nunca e practicamente desmantela a quen o encaixa. Pero nós habemos aprender a loitar en cada situación e nunca renunciaremos ao ataque. Permanezan atentos á segunda volta do equipo. Será o aperitivo. Loitaremos por chegar o máis alto posible na LPU. Loitaremos pola Kopa, malia o infernal sorteo. E o draft da T16 ha definir as nosas expectativas de futuro. O Shakhtar quere defender o anarquismo desde o alto. Algúns que beben moito beberán menos. E algúns que son abstemios tomarán algún ribeiro antes dos partidos. Varios xogadores importantes están dispostos a marchar polo ben do clube. Outros queren volver ou unirse á causa. O Shakhtar volverá. Será especular". E rematou a rolda de prensa sen aceptar máis preguntas, o que provocou un descomunal balbordo no bar onde se celebraba, con lanzamento de obxectos, risos, protestas e caos. Tan semellante a aqueles vellos tempos nos que a cidade enteira entolecía pola celebración dun título.
.

2 comentarios:

Rapajk dixo...

Non dan medo, sobre todo se van facer un equipo 'especular'. A saber o que será iso.

h dixo...

puto shakhtar