martes, 23 de outubro de 2007

Comunicado oficial WIFA - Regulamento

(Marko Czalic - Montreal)


Segundo puido saber este cronista, xenio perpetuo do xornalismo deportivo, a WIFA está a piques de facer un comunicado oficial, probablemente o máis importante da súa historia, con dous puntos principais que Marko Czalic lles adianta:

- Que como xa puido saber este xornal por medio do inxustamente famoso Bocazas, Análisis Matemático, campión da primeira edición da Liga e aínda candidato a revalidar título a falta dunha xornada, causará baixa na competición a vindeira tempada por causas ociosas.

- O Regulamento Definitivo para as competicións WIFA, que constará dos seguintes puntos:

1 Ao remate desta T2, os equipos quedarán definidos polo valor dos seus xogadores actuais conforme aos parámetros que marque o mercado para a T3.

2 Todos os equipos que estean por baixo de 40 rublos terán dereito a acadar este valor (soamente neste tránsito entre T2 e T3).

3 Unha vez establecidos os valores iniciais dos equipos, estes poderán abordar remodelacións no plantel na medida que crean conveniente do seguinte xeito: descartándose primeiro de cantos xogadores queiran e fichando despois, seguindo o modelo draft de edicións anteriores, até acadar como máximo o valor que tiña o seu equipo. Caso de non investir todos os rublos obtidos por descartes, o excedente quedará nas arcas do clube para gastos posteriores.

4 Os xogadores clásicos custarán o duplo do seu valor a partir do quinto no plantel (inclusive), así como os xogadores contemporáneos que ocupen no equipo a praza 19 ou superior. Un quinto clásico que faga o xogador número 19 no plantel custará o cuádruplo. Isto significa que se por exemplo un equipo desbota dous xogadores contemporáneos de 5 rb. e ficha con eses 10 rb. un quinto clásico de valor orixinal 5rb., quedará con 0 rb. na caixa e o valor do seu equipo terase reducido en 5 rb. Desfacerse dese xogador suporá un descenso de 5 rb. no valor do equipo, e contabilizará a todos os efectos como un xogador de 5 rb.

5 Ningún equipo poderá ter menos de 14 xogadores.

6 Unha vez rematado o draft determínanse os valores dos equipos como suma dos valores dos xogadores máis a cantidade en efectivo. isto estabelecerá unha Clasificación Económica (C.E.) dos equipos.

7 Non se poderá fichar cando a cantidade de rublos sexa negativa, aínda que se poden intercambiar xogadores con outros equipos.

8 A C.E. renovarase cada media tempada, e calcularase sempre sumando o valor dos xogadores nese momento máis a cantidade en efectivo (que restará se é negativa).

9 Cando un equipo xogue no seu estadio en partido de competición oficial, xa sexa de Liga ou de Kopa, recibirá:

- se o rival está máis arriba na última C.E.: 2 rb. por vitoria, 0 por empate e -1 rb. no caso de perder.

- se o rival está máis abaixo na última C.E.: 1 rb. por vitoria, 0 por empate e -2 rb. no caso de perder.

- se está igualado co rival na última C.E.: 1 rb. por vitoria, 0 por empate e -1 rb. no caso de perder.

10 Nos torneos amigables, que deberán desputar un mínimo de 4 equipos WIFA, cada equipo pode apostar ao comezo a cantidade que prefira entre 0 e 3 kopecs. Se gaña recibirá o valor da súa aposta multiplicada polo número de equipos do torneo. Exemplo: torneo de 4 equipos. Equipo A aposta 1 kopec, equipo B aposta 1 kp., equipo C aposta 2 kp., equipo D aposta 0 kp. Gañador, equipo B. Os equipos A e C perden o que apostaron. O equipo D non gaña nin perde. O equipo B gaña 1 kp (o que apostou)*4 (os equipos no torneo) - 1 kp. (o que apostou)=3 Kp.

11 Se un equipo chega a final de tempada cunha cantidade negativa en caixa deberá desprenderse dos xogadores necesarios para deixar a caixa en cero. Esta medida non afecta a aqueles equipos que ocuparan as tres últimas prazas na C.E. do ecuador da Liga, que en caso de chegar endebedados ao final da campaña recuperarán automaticamente o valor en caixa de 0 rb. e poderán conservar o plantel completo. No suposto de que o terceiro da C.E. empezando por abaixo estivese empatado en valor no ecuador da tempada co 4º empezando por abaixo (ou con máis), considerarase que está por riba na C.E. aquel dos equipos que teña o maior valor en xogadores. En caso de persistir aínda así o empate, ambos equipos quedarán libres de débeda ao rematar a campaña.

12 Se un equipo chega a final de campaña con aforros no peto pode gastalos para incrementar o valor do equipo no draft ou gardalos para a tempada seguinte.

13 As transferencias de xogadores entre equipos son libres e non están suxeitas aos prezos do mercado nin a prazos determinados.

14 Desbotar un xogador durante a tempada non proporciona rublos ao equipo.

Ningún comentario: