xoves, 10 de xuño de 2010

200!!

O partido da LPU Ordem-Shakhtar da tempada 15 será lembrado por unha xogada a tres minutos da conclusión. Antes diso, un partido de fútbol desorganizado, na tónica dos de ambos equipos nesta súa desleixada campaña. O Shakhtar, mellor no primeiro tempo, selou con dúas internadas o 0-2, pero concedeu o 1-2 nunha pobre acción defensiva ao fío do descanso. Os limiáns saíron no segundo tempo moi enfortecidos por ese gol. Os rusistas tiraron dun veterán no intervalo para tentar pechar o partido. Andriy Shevchenko substituía a Adrian Mutu, autor do primeiro gol, retrasando a posición de Hristo Stoichkov sobre o céspede arraiano.

E, como se dicía, os da Raia apañaron o control, a ritmo lento. Os visitantes non lograban a sentencia nin o dominio do xogo. A menos de dez minutos do remate, novo barullo na área e empate a 2, moi traballado polos locais. De aí ao final, historia coñecida. O que vén por tras no marcador conta aínda cuns minutos para gañar o partido, e xestiónaos con calma. O que ía por diante, enrabietado, trata de recobrar o balón, con máis vísceras que cabeza, para volver lograr o que perdeu. Porque ademais cada vitoria custou ao Shakhtar sangue, nesta tempada. E chega o minuto 88, manexa o Ordem, presiona o Shakhtar en campo propio. Os galegos buscan oco mentres os minutos se consumen e o rival desespera até que Stoichkov curta un balón e vira como un lóstrego. Dribla e sae disparado con el atado ás botas e coa velocidade do diaño cruza o campo rival nun suspiro. Chega á área: o mellor futbolista do mundo, o home que máis goles deu na historia (143!), está a piques de asinar a súa primeira asistencia coa camisola do Shakhtar. O balón rasea cara o punto de penalti, Shevchenko empalma de primeiras coa esquerda... 2-3... 200!! Douscentos goles para Andriy Shevchenko.

Chegou primeiro aos 100, coa camisola babuda, gañando en apretadísimo sprint ao eterno Eusébio. Estivo por baixo deste varias tempadas, mentres se confirmaba o seu declive. Rexurdiu con fe, con experiencia, con clase. Xa non é imparable, xa non inspira colectivos na súa contra. Pero continúa na área. Gol de Shevchenko, a pase de Stoichkov. O primeiro.

1 comentario:

Rapajk dixo...

E aínda non é clásico...