por Igor Czalic
Seica as augas van revoltas antes do triple enfrontamento entre os clubes lestistas da LPU. Tanto Torpedo como Shakhtar semellan convencidos do seu éxito total nos duelos que os medirán nas vindeiras datas. O Torpedo xa gañou este ano a Kopa do Pollo e aspira ao primeiro triplete da historia, malia o difícil cadro que se lle presenta na Kopa. Os de Zagreb lideran con forza a liga tras unha xeira de cinco trunfos consecutivos que non conta con demasiados precedentes e que ten mérito particular dentro dunha liga tan igualada como a actual. Gracias a estes 15 puntos -máis os 13 que sumaran en toda a primeira volta- enxogaron unha diferenza de 5 con respecto aos quebecos e marcan agora o paso. Mentres, os de Montreal comezaron a segunda metade do torneo de xeito algo dubitativo. O equilibrio de forzas xeral co que se aliaron para destacárense en cabeza á fin da primeira volta comeza agora a pasarlles factura. Dependen de si mesmos, pero deben vencer ao Torpedo no Durruti, xa que un empate favorecería a posición de vantaxe de que gozan actualmente os croatas.
Ningún dos dous clubes ten por diante un camiño doado. O Torpedo debe visitar Caldback e Tron, ademais de Montreal; tamén recibirá ao campión actual, o Pollo FC, en Zagreb. Catro gañadores da LPU -e os catro, aínda candidatos nesta edición- no seu camiño á primeira conquista. O Shakhtar ten aínda unha dificultade engadida: para manter opcións debe gañar o seu partido adiado. Os de Alan Moore recibirán no Durruti, ademais do estelar enfrontamento co Torpedo, a dous ex-campións: Rif e Asaltacunas. E ademais de viaxar tamén a Tron, percorrerán a ponte aérea a Sierra Maestra para enfrontárense a uns Babudos que xa os frearon con claridade (0-2) durante a primeira volta.
Como diciamos, a dificultade dos envites parece ter algo tensos aos candidatos, que protagonizaron nas últimas horas unha escalada de violencia dialéctica malia que estes clubes non teñen un historial demasiado conflitivo fóra do campo. As armas están no alto e os nervos, ao ar. Terreo favorable para heroes emboscados.
A historia favorece ao Shakhtar nos duelos directos, con 12 vitorias, 7 empates e 2 derrotas na LPU e 4-0 en eliminatorias a duplo partido superadas (2-1 a partdo único). Pero a crítica destaca o extraordinario momento do Torpedo, que parece estar levando ao éxito o seu tradicional bo xogo, mentres o Shakhtar sobrevive amarrado a un plantel poderoso sen atopar, porén, a fluidez doutros anos.
Acomódense. Moi pronto, o desenlace.
.
1 comentario:
Suposto comentario de Marko Czalic: "Mal fillo..."
Publicar un comentario