Pois gañou o River, si, e levoulle ben pouco. Tampouco é que iso teña máis mérito, pois non é un equipo destinado necesariamente a mellorar. Simplemente, aconteceu agora. Fundamentou o seu trunfo nunha defensa moito máis sólida do agardable e nun ataque de esaxerada calidade, que resolveu moitas xogadas difíciles só por esa razón. Axudoulle a casualidade: esta vez, o seu estilo despreocupado levouno a máis vitorias ca derrotas. Outros anos, sucedeu e sucederá o contrario. Ou xa veremos, porque o River quererá desafiar á probabilidade e facerse un fixo da zona alta e o certo é que poucos ascensos tan sólidos e fulgurantes se viran (só o do Rif, seguramente, e nin sequera tivo un primeiro ano malo). Así que aquí temos a súa fazaña sen dono para celebrar ou ollar con indiferenza, ao gusto do consumidor. (Ou con escepticismo, como en Montreal, onde "co que gustan aquí estas caralladas estaríanlle facendo unha enorme festa; pero tal como foron as cousas, aquí non lle van recoñecer nunca este título", segundo comenta Vladimir Potemk, estudiólogo de Montreal, entre outras profesións). Un pregúntase por qué Si o River e Non outros históricos e non atopa resposta satisfactoria. Por outra banda, posto na súa dimensión, falamos dun equipo pésimo nas kopas. Só na súa prehistoria, aquela que comezara como Moraleja, fixera unha competición kopeira digna. Semella que será sempre imposible medir a auténtica dimensión do River ou avaliar a súa aposta para tentar convertilo en modelo exitoso exportable. Experiencias similares co Pollo non acabaron de callar. Así que todo queda aquí, isolado neste título, polo momento, en espera dunha continuidade quizais coherente nun futuro. O River, como un Gólem, venceu por dúas veces ao Shakhtar e por dúas aos Túzaros, e nesas quedou coa LPU. E como un Gólem a celebra.
O único do que non hai dúbida é de que a T19 será lembrada como a tempada da fazaña do River, cando o equipo saído do esquecemento máis oprobioso logrou impoñerse a todos e proclamarse campión, mentres soa música de fonógrafo e a súa fotografía do plantel, esquecida nunha neboenta ribeira, vai pasando progresivamente de cor a branco e negro, mentres a cámara se alonxa.



Cousas dos demais: falta pouco para rematar, para coñecer aos restantes campións, que xa hai ganas, e para efectuar o draft, que hai máis ganas aínda, por parte dalgúns. O Pollo, de quen dependen todos os encontros pendentes, aínda pode ser subcampión, e o Túzaros 3º. O Ordem é un dos mellores pechacancelas da historia e, desde logo, perdeu pouquísimo. Asaltacunas acadou a final das dúas Kopas, onde Rif e Ordem aspiran a arranxar as súas tempadas, o Pollo a algo indefinible e os Túzaros a aproveitar o elevado nivel que volveron acadar ultimamente, e festexalo cun título. As individuais xa as ven aí, pero isto non está acabado. Na lista de cartóns e da baixas omítese aos xogadores de Babudos e River (que, curiosamente, tería tres nomes na de baixas) dado que xa remataron a tempada.
Xa que falamos con Potemk, achegounos unha breve análise do seu montrealino punto de vista da tempada:
"O Shakhtar estivo ben. Empezou algo pesado e sen frescura, pero foi medrando pouco a pouco no xogo, que rematou resultando alegre e cuestionando todos os trocos propostos para o draft e as análises do global da tempada, como esta. É interesante ver que se este plantel non acadou título ningún foi, fundamentalmente, polo excelente rendemento da defensa do Asaltacunas nos duelos directos. Se un analiza os 6 duelos directos entre ambos, con catro vitorias dos do Duque e dous empates (que, inda por riba, foron kopeiros e non reportaron nada ao Shakhtar) pode pensar que os rusistas mereceron algo máis case na totalidade deles. Pero, ao analizalos globalmente, vese que o Shakhtar -que sempre que perdeu foi pola mínima- só anotou 4 goles neses 6 partidos. Desa maneira, un equipo ofensivo está condeado á derrota, máxime ante un rival que xoga a pechar espazos, a defender con axudas, pero que sempre sae con determinación e pegada. Foron, así e todo, duelos interesantes e decisivos. A intensa defensa de Asaltacunas levou ao Shakhtar a hilvanar boas xogadas ao límite. O nivel de inspiración nos metros finais (ou iniciais, segundo o punto de vista) decidiu. Pero non é o palmarés dos dous equipos, senón o estratéxico dos duelos desputados entre eles, o que me leva a centrar a tempada do Shakhtar neste punto. Unha tempada na que, polo demais, como se dixo, os mangostas foron de menos a máis. O Asaltacunas, pola súa banda, tivo éxito practicamente só cando funcionou a súa defensa. Isto é: nos duelos ante o Shakhtar e na repesca da Kopa do Pollo en xeral, tremendamente meritoria. Curiosamente, no resto de partidos foi moito máis coador do habitual."
Potemk, bastante reposto do seu período no frenopático, engadiu cun sorriso: "traio unha alegre primicia: o adestrador do Shakhtar para a tempada 20, o meu amigo e multicolega Iuri Gagarin. Park está encantado".
.
3 comentarios:
Enorme (en todos los sentidos) crónica.
Thanks.
louvanza ao campión.
loor
Publicar un comentario